O BNG reivindica a pluralidade da cidade fronte á devaluación autoritaria dos Vigueses/as Distinguidos/as imposta por Caballero
O alcalde impediu a votación da emenda presentada pola fronte nacionalista no Pleno municipal para que se recoñecese como Viguesas/es Distinguidas/os ao Centro Veciñal e Cultural de Valadares e ao presidente de REDE.
Xabier P. Igrexas: “Este Goberno municipal rompe de maneira reiterada os máis mínimos consensos que até o momento rexiron os nomeamentos para as máximas distincións da cidade”.
O Bloque Nacionalista Galego criticou o rexeitamento das súas propostas para os premios Vigueses/as Distinguidos/as 2021 por parte do PSOE durante o Pleno municipal extraordinario que se celebrou este xoves. A fronte nacionalista denunciou a falta de pluralidade e a “deriva autoritaria e sectaria” do actual Goberno municipal que “insiste en devaluar as máximas distincións da cidade”.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, formulou emenda para que as dúas propostas realizadas polas nacionalistas, e que se excluíran dos nomeamentos, foran sometidas a votación no Pleno. Porén, o alcalde e o grupo municipal socialista impediron a votación rexeitando, desta maneira, nomear con esta distinción o Centro Veciñal e Cultural (CVC) de Valadares e o presidente da Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias de Maiores (REDE), Paulino Campos.
“Por segundo ano consecutivo, o goberno de Abel Caballero decide excluír de maneira sectaria e sen xustificación as propostas que traslada o BNG”, subliñou Igrexas, que afeou que se “rompan de maneira reiterada os máis mínimos consensos que até o momento rexiron este tipo de nomeamentos”. O portavoz municipal do BNG en Vigo coincidiu coas propostas feitas polo resto de forzas polo que non emitiu voto contrario, mais insistiu en que estes premios deben “atender a pluralidade da cidade, un termo ao que sabemos lle é alérxico o alcalde”.
Igrexas puxo en valor os méritos das dúas propostas realizadas pola fronte nacionalista. Do CVC de Valadares salientou que a entidade cumpre 50 anos de actividade este 2021 como un referente no movemento veciñal, como un “verdadeiro motor de participación social, dinamizador no ámbito cultural, deportivo, e un creador de vida e de cidade na súa parroquia”.
Do presidente de REDE destacou que o compromiso deste colectivo que viviu na “verdadeira zona cero da pandemia, que sufriu unha inmensa dor pola xestión desta”. De Paulino Campos resaltou o seu traballo de denuncia, acompañamento e dignificación para “avanzarmos cara unha política pública de coidados que permita acceder a unha vellez digna”.
O BNG si se sumou ao acordo unánime para a concesión da medalla da cidade ao persoal do servizos esenciais durante a pandemia e a atleta paraolímpica Susana Rodríguez.