O BNG emenda 9 millóns de euros dos presupostos municipais para “dar un xiro completo” á política municipal

clbng01

_Propoñen aumentar substancialmente as partidas de política social, emprego, igualdade, cultura e medio ambiente.

_Apostan nunha xestión municipal máis pública e participativa.

O BNG emenda 9 millóns de euros dos presupostos municipais para “dar un xiro completo” á política municipal

O BNG presentou na mañá do 20 de decembro as súas emendas aos orzamentos municipais do Concello de Vigo para o 2018. Unha propostas “elaboradas coa colaboración de entidades e colectivos sociais que procuran dar resposta ás necesidades da veciñanza”, segundo explicou  responsábel local do BNG vigués, Serafín Otero.

“Lamentamos que o PSOE insista en negar a participación na elaboración duns orzamento que teiman nunha política de aparencias que non atende os problemas reais” valorizou Otero. Diante duns presupostos continuistas, “as nosas emendas, por importe de 9 millóns 200 mil euros, permitirían mellorar de maneira substancial os orzamentos, priorizando o gasto social, o combate do desemprego, as políticas de igualdade, a promoción da nosa cultura e a protección do medio natural”, explicou.

“Temos unha cidade moi ben alumeada polo nadal, pero a cola dos concellos a nivel estatal en gasto social per capita”, remacha Otero.

Máis política social

A fronte  nacionalista propón a construción de catro novas escolas infantís municipais para os barrios de Coia, Balaídos, Teis e O Calvario, asignando 100 mil euros a elaboración dos seus proxectos. Demandan dotar con 120 mil euros unha partida destinada a axuda médico-farmaceútica para persoas con dificultades económicas, así como a posta en marcha dun Plan municipal de axuda ao alugueiro, que ofreza axudas directas de 200 euros mensuais ás familias en risco de desafuzamento. 

No capítulo social o Bloque aposta nun aumento significativo das partidas dedicadas a Axudas a familias e fondos de emerxencia por desafiuzamentos (+250 mil euros), Axuda alugueiro vivenda, alimentos, c. Enerxética (+860 mil euros), e Becas libros e comedor escolar (+300 mil euros).

Para facer fronte a ”gravísima situación de desemprego, precariedade e empobrecemento” as emendas nacionalistas incrementan en 1 millón 800 mil euros os fondos do Plan de emprego municipal, até o dotar dun total de 3 millóns de euros.”O desemprego é a principal preocupación social na nosa cidade e merece que o Concello lle dedique o máximo de recursos”, defenden. Aliás, propoñen tamén a creación dun Plan municipal de choque contra o desemprego xuvenil e feminino, con 500 mil euros.

Igualdade

“O combate das violencias machistas debe ser unha prioridade municipal. Vigo non atura nin un feminicio máis”, defendeu Otero. Con ese obxectivo, a organización nacionalista rexistrou varias emendas destinadas a reforzar de maneira substancial as políticas de igualdade. Desta maneira, propoñen un Programa de apoio ás mulleres vítimas de violencia machista (250 mil euros), un importante aumento nas partidas de Campañas contra a violencia de xénero  (+137 mil euros) e do Plan municipal de igualdade de oportunidade (+345 mil euros).

Neste capítulo tamén demandan a con dun novo centro de información ás mulleres, no barrio de Coia (25 mil euros) e a implementación dun Plan Municipal de Apoio aos Coidados (850 mil euros).

Transporte

Para o BNG é urxente unha aposta decidida por mellorar o servizo de transporte colectivo urbano. A ese fin formulan emendas que demandan a creación dun Bonobus gratuíto para persoas desempregadas (500 mil euros), e mais a elaboración dun novo Plan de mobilidade local (50 mil euros).

Cultura e lingua

“Diante da nefasta política cultural do Concello de Vigo e do absoluto desprezo cara ao noso idioma é urxente unha mudanza radical”, asegurou Otero. A ese respeito propoñen a construción de dúas novas bibliotecas, en Teis e Navia (250 mil euros), a creación dun Programa de dinamización de bibliotecas e salas de lectura nos barrios (150 mil euros) e o desenvolvemento dun Programa municipal de promoción da lectura (100 mil euros). Consignan tamén emendas por un total de 660 mil euros para diversas actuacións orientadas á posta en valor e dinamización da Rede Museística da Cidade.  

En materia cultural tamén propoñen que se aumente a dotación do convenio da Festa da Reconquista (+40 mil euros), a creación dun Centro Cívico Municipal no Calvario (250 mil euros) e a reapertura do Programa de dinamización xuvenil Súbete ao Castro (85 mil euros).

No que atinxe á normalización lingüística propoñen un Programa de promoción da lingua galega en Vigo, con 200 mil euros.

Medio ambiente

A protección e posta en valor do “enorme patrimonio natural e ecolóxico” da cidade, é outro dos eixos das emendas nacionalistas. Nelas, inclúese unha partida de 75 mil euros para a Protección e posta en valor do Río Lagares, así como a elaboración dun Plan municipal de aforro e optimización do subministro de auga (50 mil euros) –para evitar situacións como a vivida nas últimas semanas por causa da seca--, ou destinar 500 mil euros a un Programa de axudas para a prevención dos incendios, reforestación e valorización do monte comunal. Suxiren tamén aumentar en +90 mil euros a partida de Recuperación de zonas verdes.

Xestión pública e participativa

“Unha das asignaturas pendentes na nosa cidade é modernizar o modelo de xestión municipal, apostando por alargar a xestión pública directa e promovendo a participación veciñal”, sosteñen desde o Bloque. Para iso demandan a elaboración dun estudo e avaliación para o rescate público das concesións de abastecemento de auga, recollida de lixo, manntemento de parques e xardíns e transporte urbano (50 mil euros), e que se estude a Creación dunha empresa municipal de servizos (15 mil euros).

Entre as emendas máis novidosas, o BNG propón a posta en marcha dun Programa piloto de orzamentos participativos “Vigo veciñal”, reservando 300 mil euros para que a través da participación directa a veciñanza e os colectivos sociais decidan a que programas e investimentos dedicalos. 

Reducións e supresións

Para financiar estas novas partidas e os aumentos referidos, as naccionalistas recollen tamén unha batería de emendas destinadas a reducir ou suprimir gastos superflúos ou de menor interese social, garantindo desta maneira o equilibrio económico finaceiro das contas municipais.                                                                                   
 

O BNG emenda 9 millóns de euros dos presupostos municipais para “dar un xiro completo” á política municipal