O BNG presenta emendas aos orzamentos municipais de Vigo por máis de 9 millóns para darlle un “xiro social”

Xabier P. Igrexas presentando as alegacións do BNG Vigo aos orzamentos do Concello de Vigo
Xabier P. Igrexas presentando as alegacións do BNG Vigo aos orzamentos do Concello de Vigo

As alegacións da formación nacionalista aumentan o gasto social, en promoción do emprego, igualdade, cultura, sustentabilidade e o aumento dos servizos públicos. Supoñen modificacións por un total de 9 millóns 216 mil euros.

Para o candidato do BNG á alcaldía, Xabier P. Igrexas, as emendas son “unha oportunidade para que o Goberno municipal rectifique e aposte por humanizar de verdade a cidade, priorizando os problemas reais das viguesas e dos vigueses”.

O BNG presenta emendas aos orzamentos municipais de Vigo por máis de 9 millóns para darlle un “xiro social”

O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, presentou esta mañá en rolda de prensa as emendas da fronte nacionalista ao Orzamento Xeral do Concello de Vigo para o exercicio 2019. En total formuláronse 49 alegacións, das que 41 supoñen creación de novas partidas de gasto ou aumento de partidas xa existentes, e suman propostas de modificación por importe de 9 millóns 216 mil euros.

As emendas nacionalistas concentráronse en incrementar o investimento en política social, emprego, igualdade, cultura, mobilidade, protección do medio ambiente e a mellora dos servizos públicos municipais. Pérez Igrexas presentounas como “unha contribución en positivo para impulsar unha política municipal que atenda de verdade as necesidades da cidade”. Neste sentido, o candidato defendeu que as emendas son “unha oportunidade para que o Goberno municipal rectifique e aposte por humanizar de verdade a cidade, priorizando os problemas reais das viguesas e dos vigueses”.

Gasto social e emprego

O incremento do gasto social concentra boa parte das alegacións. Destarte, a formación nacionalista propón, entre outros, a creación dun Plan de Axuda ao Algueiro (500 mil euros), aumentar en 1 millón 100 mil euros as partidas destinadas a axudas de emerxencia e o chamado “cheque social”, elevar as becas de libros e comedor (+300 mil euros), poñer en marcha un bonobus gratuíto para as persoas desempregadas e sen ingresos (300 mil euros), duplicar a partida destinada a bono-taxi para persoas con discapacidade (+25 mil euros) e un programa de axudas medico-farmaceúticas (120 mil euros). Medidas, que para Igrexas son “urxentes e imperativas nunha cidade que conta con 61 mil persoas en risco de exclusión social e pobreza e onde cada semana asistimos a unha nova ameaza de desafiuzamento”.

En materia de emprego, o BNG propón “redobrar esforzos para combater o desemprego e a precariedade”, lembrando que en Vigo hai 24 mil persoas desempregadas, que na actualidade hai 9 mil postos de traballo menos que en 2009 e que foron millares as mozas e mozos “obrigadas a emigrar”. Neste capítulo, as emendas nacionalitas propoñen elevar o orzamento do Plan Municipal de Emprego en 1 millón 550 mil euros, o que case duplica a partida actual e a aproxima aos 3 millóns d eeuros. Tamén propoñen aumentar substancialmente a dotación económica do Plan de Emprego Xuvenil, con 205 mil euros adicionais.

Igualdade

Pérez Igrexas avogou por avanzar en facer de Vigo “unha cidade de iguais”, facendo unha prioridade “con feitos e non con discursos” o combate de todas as violencias machistas. A este respeito as emendas presentadas ás contas do vindeiro ano, inclúen a posta en marcha dun Plan Municipal de apoio aos Coidados (500 mil euros), a creación dun Programa de apoio ás mulleres vítimas de violencia machista (300 mil euros), o aumento da partida destinada a campañas contra a violencia machista (+137 mil euros) e elevar a dotación do Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades (+345 mil euros). “É indefendíbel que unha cidade como Vigo destine menos recursos a campañas de sensibilización contra o machismo que en gastos protocolarios”, valorizou.

Outro dos eixos das propostas do Bloque é o de “alargar e mellorar a oferta de servizos que o Concello ofrece á veciñanza”. Sobre esa premisa, propoñen a elaboración dos proxectos para a construción de tres novas escolas infantís municipais nos barrios de Balaídos, Calvario e Teis (75 mil euros). Demandan tamén a recuperación dos programas suprimidos en materia de lecer e información xuvenil (Súbete ó Castro, Punto Xove e os servizos da Casa da Xuventude).

Diante da política de “desertización cultural” que segundo Igrexas practica o actual goberno local, as emendas nacionalistas volven demandar un aumento importante dos recursos destinados á dinamización da Rede museística, e propoñen a posta en marcha dun programa de promoción da lectura (100 mil euros), elevar a dotación económica destinada á biblioteca de Teis (+115 mil euros) e construír dúas novas bibliotecas municipais en Coia e Valadares (250 mil euros). Aliás, as nacionalistas demandan un maior compromiso coa normalización da lingua galega cun programa de promoción do uso do galego (200 mil euros).

Sustentabilidade

“Queremos un Vigo de futuro e moderno que só pode ser un Vigo verde”. Desta maneira, o candidato do BNG ás vindeiras eleccións municipais, defendeu a necesidade de dedicar máis esforzos a “reconciliar a cidade co seu medio natural”. Con ese obxectivo, demandan crear unha partida para a protección e posta en valor do río Lagares (150 mil euros), un programa de axudas para a protección dos montes (500 mil euros), a elaboración dun plan municipal de aforro de auga e mais dun novo plan de mobilidade local, que “aposte claramente polo transporte colectivo”.

Por último, a fronte nacionalista, entende que é hora de “avanzar cara a remunicipalización dos servizos municipais”. Para iso propoñen realizar un estudo para o rescate das principais concesións e a creación dunha empresa municipal de servizos.

O BNG presenta emendas aos orzamentos municipais de Vigo por máis de 9 millóns para darlle un “xiro social”