O BNG propón converter Vigo na grande cidade do libro cun ‘Fórum Internacional Letras da Lusofonía’

Ana Martínez, concelleira do BNG de Vigo
Ana Martínez, concelleira do BNG de Vigo

Co gallo do Día do Libro, pide cooperación entre Concello e Xunta para promover a edición literaria e fortalecer os lazos culturais e comerciais cos países lusófonos

Ana Martínez: “A longa tradición literaria da nosa cidade e a proximidade lingüística e histórica entre o galego e o portugués ofrécennos unha oportunidade única”

O BNG propón converter Vigo na grande cidade do libro cun ‘Fórum Internacional Letras da Lusofonía’

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) propón converter Vigo na grande cidade do libro de Galiza coa celebración cun Fórum Internacional Letras da Lusofonía. Co gallo do Día do Libro, a fronte nacionalista pide cooperación entre o Concello e a Xunta para desenvolver esta iniciativa, que busca promover a edición literaria e fortalecer os lazos culturais e comerciais cos países lusófonos.

Así o presentou este mércores a concelleira do BNG de Vigo, Ana Martínez, poñendo en valor a longa tradición literaria da cidade así como a súa localización estratéxica para conectar co mundo lusófono. “A proximidade lingüística e histórica entre o galego e o portugués ofrécenos unha oportunidade única para estabelecer pontes culturais e comerciais”, salientou.

A concelleira do Bloque chamou a desenvolver unha iniciativa cultural “potente desde o orgullo da nosa lingua” que sitúe Vigo como referente internacional do libro, diante dun mercado editorial como o lusófono con máis de 270 millóns de falantes en todo o mundo, cunha importante diversidade cultural e cunha produción literaria en clara expansión.

“Este Fórum Internacional Letras da Lusofonía serviría para promover a edición literaria e fortalecer os lazos culturais entre Galiza e os países lusófonos, nun amplo espazo de dialogo, intercambio e colaboración entre profesionais do sector editorial, autoras, tradutoras e o público en xeral”, defendeu.

Martínez lamentou o do “desprezo” que, denunciou, demostran os Gobernos galego e municipal pola cultura e a literatura malia o papel histórico de Vigo como berce do libro en Galiza. “Somos a cidade que alberga os principais selos editoriais, cunha ampla tradición literaria e grandes autoras e autores, o lugar onde se publicou 'Cantares gallegos' de Rosalía de Castro, obra fundacional do Rexurdimento das letras galegas”, destacou.

O BNG propón converter Vigo na grande cidade do libro cun ‘Fórum Internacional Letras da Lusofonía’