O BNG presenta iniciativas para paralizar a venta de NCG Banco e crear un banco público galego
Carme Adán presentou unha iniciativa do grupo parlamentar para demandar do FROB que se paralice a decisión de vender NCG Banco e para defender a súa permanencia como entidade financeira galega independente, estudando a alternativa de transformala nun Banco Público Galego.
O BNG considera de importancia estratéxica para Galiza a permanencia de NCG Banco como banco galego, por ser unha ferramenta fundamental para a permanencia do aforro dos galegos e galegas no país: Esta permanencia está ameazada polo anuncio do FROB de vender a entidade ao mellor postor a través dunha subasta. Esta subasta sería o último capítulo dunha historia negra, e suporía un negocio ruinoso para os contribuintes, pois despois de destinar máis de 9.000 millóns de euros de recursos públicos no seu saneamento, a subasta só permitiría recuperar unha pequena parte dese diñeiro, sería como regalar a entidade aos bancos privados
A deputada no Parlamento Galego, Carme Adán, analizou tamén o desenvolvemento dos traballos na Comisión das caixas e valorou que non se poden dar por rematados ditos traballos, polo que o BNG solicitará novas comparecencias. O grupo parlamentar considera que é preciso que aquelas persoas responsábeis directas no proceso da fusión comparezan e non só que respondan a un cuestionario: é necesario, por saúde democrática, que os representantes da cidadanía poidan debater sobre as cuestións plantexadas neses cuestionarios e delimitar responsabilidades.
A representante nacionalista lembrou a nefasta xestión das antigas caixas, e que no seu momento só o BNG votou en contra de manter aos xestores das dúas entidades ao fronte da nova caixa: Solicitamos estas comparecencias porque hai cousas que aclarar, como os soldos millonarios dos responsábeis da ruina das caixas.
Pola súa banda, a deputada no Congreso, Olaia Fernández Davila deu a coñecer unha proposición non de lei e unha pregunta no mesmo sentido: A deputada nacionalista cualificou de curioso que o FROB teña a intención de vender NCG e Catalunya Banc, pero non inclúa no proceso a outra entidade nacionalizada, Bankia, por considerala sistémica, argumento que Olaia Fernández considera arbitrario e falto de obxectividade, posto que igual de sistémica é NCG para Galiza: esta diferente vara de medir é unha discriminación territorial, un paso máis na política recentralizadora do goberno
A deputada considera que a venta de NCG supón o golpe de gracia á economía galega: NCG concentra máis do 50% dos aforros galegos e a súa venta supón o finiquito do sistema financeiro galego, necesario para asegurar que ese aforro se invirta en Galiza e contribúa ao desenvolvemento da economía produtiva, da riqueza e do emprego do país.
Para conseguir este obxectivo hai alternativas que xa existen noutros moitos países e que o BNG sempre defendeu, pero que o goberno central non apoia: a conversión de NCG en banco público galego é unha cuestión de vontade política, xa que o FROB é o principal propietario da entidade nacionalizada.
Tamén a voceira municipal, Iolanda Veloso, quixo manifestar a súa preocupación sobre a situación na que vai quedar a Fundación NCG e o seu patrimonio como consecuencia da venda da entidade bancaria: xa venderon os activos industriais para obter capital, moito nos tememos que agora queiran vender activos culturais e patrimoniais obtidos cos aforros dos traballadores e traballadoras desta cidade, activos como a Finca de San Roque, o Teatro García Barbón ou o fondo pictórico da antiga caixa.
A portavoz lembrou que xa en maio o BNG presentou unha moción aprobada por unanimidade, para coñecer a situación das propiedades, actividades e postos de traballo da Fundación, e as súas previsións a curto e medio prazo, e a día de hoxe e tras volver preguntar polo estado do asunto no pleno de xuño, o alcalde aínda nun cumpriu o mandato do pleno e nada se sabe deste asunto: O alcalde limitouse a contestar o que xa sabiamos polos periodicos.