O BNG propón o Comité de Vitrasa, a escritora María Reimóndez e a Libraría Cartabón como Viguesas/es Distinguidas/os 2024
A fronte nacionalista pide recoñecer a loita do persoal de bus urbano por ser “parte do ADN de Vigo” como cidade reivindicativa, o papel dunha muller referente da literatura galega e o traballo deste establecemento do Calvario como espazo potenciador da cultura
Xabier P. Igrexas: “Estas distincións teñen que ser reflexo da diversidade e pluralidade da cidade, poñendo fin a súa utilización autoritaria por parte do Goberno de Abel Caballero”
O Bloque Nacionalista Galego propón nomear o Comité de Vitrasa, a escritora María Reimóndez e a Libraría Cartabón como Viguesas e Vigueses Distinguidos este ano 2024. A fronte nacionalista pide poñer en valor con este recoñecemento a loita do persoal de bus urbano por ser “parte do ADN de Vigo” como cidade reivindicativa, o papel dunha muller referente da literatura galega e o traballo deste establecemento do Calvario como espazo potenciador da cultura durante catro décadas.
“Estas distincións teñen que ser reflexo da diversidade e pluralidade da cidade, poñendo fin a súa utilización autoritaria por parte do Goberno de Abel Caballero”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen lamentou que nos últimos anos o alcalde impuxera o seu “veto antidemocrático” ás propostas realizadas por outros grupos políticos e, especialmente, aquelas formuladas desde o Bloque.
Comité de Vitrasa: “Unha loita en defensa dun servizo público esencial”
Sobre a proposta de recoñecer o Comité de Empresa de Vitrasa, en representación do conxunto das traballadoras e traballadores, dende a fronte nacionalista destacan “a súa loita continuada pola mellora das condicións laborais e salariais mais tamén pola súa reivindicación para un bus urbano de calidade”, despois dunha folga sen precedentes na cidade de 108 días de duración.
“Supón unha defensa expresa dun servizo público esencial en beneficio da cidadanía que merece o recoñecemento do conxunto da cidade”. Aliás, consideran dende o BNG que este recoñecemento permitirá valorizar o “exemplar exercicio de dereitos fundamentais” como a liberdade sindical e de folga fronte á “represión e o intento de criminalizar a súa loita” que padeceron nos últimos anos.
María Reimóndez: “Referente da literatura galega dos nosos tempos”
En relación a María Reimóndez, o portavoz nacionalista subliñou que “é indiscutibelmente unha das maiores referencias da literatura galega dos nosos tempos”. Con máis de 50 obras publicadas como autora ou co-autora, tanto de poesía, narrativa, literatura infantil e xuvenil como ensaio, Reimóndez, ten unha destacada traxectoria no ámbito literario que a fixo merecente dun importante número de premios. Na súa obra Vigo, onde reside dende hai 31 anos, está presente de xeito recorrente, sendo escenario de catro das súas principais novelas.
Dende o Bloque salientan tamén o seu infatigábel e expreso compromiso coa lingua e cultura galegas, o seu papel relevante no activismo desde un coherente e inequívoco compromiso feminista, de defensa dos dereitos humanos e a cooperación internacional, na loita contra a xenofobia e o racismo e unha fonda sensibilidade ambiental.
Libraría Cartabón: “Un grande centro cultural e social no Calvario”
Sobre a Libraría Cartabón, rexentada por Gonzalo Pérez e Maribel Tato, o Bloque considera necesario recoñecer a súa traxectoria de case catro décadas marcada desde a determinación de aproximar o libro, como grande porta de acceso á cultura, ao conxunto da cidadanía de Vigo. “É moito máis que un estabelecemento comercial que destaca por contar cun amplísimo fondo de libros en galego”, salientou o voceiro municipal.
Nese sentido, a fronte nacionalista puxo en valor que Cartabón dende os seus inicios e con crecente intensidade configurouse como un “espazo senlleiro dende o que visibilizar, alentar e dar acubillo á creación literaria e, tamén, ao activismo cultural e social en favor da nosa cultura e idioma”. Un traballo que converteu este establecemento nun “grande centro cultural e social” en pleno corazón do barrio do Calvario, nos Choróns, realizando un sen número de actos, presentacións, palestras, coloquios, e no que participaron as figuras máis destacadas da literatura e cultura galega.