O BNG propón a UNRWA para Medalla da Cidade como símbolo do compromiso de Vigo coa paz na Palestina
A fronte nacionalista defende a máxima distinción honorífica do Concello para a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados/as da Palestina no seu 75 aniversario
Xabier P. Igrexas: “Este recoñecemento permitirá expresar de maneira clara o clamor unánime das viguesas e dos vigueses en favor da paz e dos dereitos humanos”
O Bloque Nacionalista Galego propón a Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados/as da Palestina en Oriente Pŕoximo (UNRWA) para Medalla da Cidade este 2024. A fronte nacionalista defende a máxima distinción honorífica do Concello para esta organización, que cumpre 75 anos de existencia, como símbolo do compromiso de Vigo coa paz na Palestina.
“A UNRWA tense significado como un dos maiores expoñentes da solidariedade e a asistencia humanitaria en favor da poboación máis vulnerábel, que como é o caso do pobo palestino padece desde 1948 a violencia e opresión por parte do réxime sionista e de apartheid do Estado de Israel”, subliñou sobre a proposta o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas.
Dende o Bloque consideran que, con este recoñecemento, a cidade enviará tamén unha mensaxe “firme e inequívoca” para esixir unha resposta internacional por un cesar o fogo como primeiro paso para poñer fin ao xenocidio. “Permitirá expresar de maneira clara o clamor unánime das viguesas e dos vigueses en favor da paz e dos dereitos humanos”.
Igrexas puxo en valor o traballo da UNRWA como provedora de axuda humanitaria esencial para a poboación civil da Palestina, tanto en forma de alimentos e subministros básicos, como asistencia sanitaria, psicosocial e refuxio para millóns de persoas nos seus campos. “Un esforzo inda máis heroico tendo en conta que xa son 162 os e as cooperantes da UNRWA asasinados desde o pasado 7 de outubro e máis de 150 instalacións desta axencia das Nacións Unidas afectadas polas accións militares de Israel”, lembrou o portavoz municipal do BNG.
Dende a fronte nacionalista lamentaron a “inexplicábel e indecente inacción da denominada comunidade internacional cruzada de brazos diante dun xenocidio en pleno século XXI”. Nese sentido, lembraron que xa son máis de 31 mil as persoas mortas e case 73 mil as feridas nos 159 días de ofensiva militar contra Gaza, das que 7 de cada 10 son crianzas e mulleres. Aliás, lembraron que case 2 millóns de palestinos e palestinas son vítimas do desprazamento forzoso, sen garantías de acceso a auga, alimentos ou material sanitario.
“Unha barbarie inhumana que está a provocar a multiplicación da desnutrición infantil, un cada vez maior número de persoas que morren literalmente de fame e onde o bloqueo da axuda humanitaria está a dar lugar a feitos como que se teñan que practicar amputacións sen anestesia”, denunciou Igrexas, destacando o papel da UNRWA fronte a esta “barbarie”.