O BNG reivindica que Vigo vai máis alá da maioría absoluta de Abel Caballero
Os concelleiros electos Xabier P. Igrexas, Ana Martínez e Filipe Abalde tomaron posesión dos seus cargos co compromiso de avanzar cara a unha cidade con máis participación e democracia, máis habitábel e verde, máis igualitaria e socialmente xusta, que volva ser pulmón produtivo de Galiza, vangarda da creación cultural e motor de todo un País
Xabier P. Igrexas: “O BNG traballaremos con entusiasmo e rigor, con firmeza pero coa man tendida, na certeza de que Vigo merece máis e de que o mellor está por vir”
O Bloque Nacionalista Galego reivindica que Vigo vai máis alá da maioría absoluta de Abel Caballero. Así o defendeu o concelleiro e portavoz nacionalista na cidade, Xabier P. Igrexas, durante o Pleno constitutivo da nova Corporación Municipal celebrado este sábado, onde tamén tomaron posesión dos seus cargos como edís do Bloque, Ana Martínez e Filipe Abalde.
“A cidade son tamén as 54.157 viguesas e vigueses que non votaron a Abel Caballero. Entre elas as máis de 15 mil que co seu voto fixeron que o BNG triplicásemos a nosa representación sendo a forza que máis aumentou o seu apoio social”, afirmou Igrexas. Trasladou o “sincero respecto” polo resultado electoral que outorgou unha maioría absoluta ao PSOE, “a pesar do ofensivo esforzo do seu candidato por invisibilizar as súas propias siglas”, mais asegurou que “a cidade non está representada só nos seus asentos”.
O portavoz municipal da fronte nacionalista referiuse tamén as case 7 mil viguesas e vigueses que non lograron representación por causa dunha “inxusta” norma electoral que “merma a pluralidade” do Pleno. “A todas elas e eles, o BNG tendémoslle a man co compromiso de dar voz ás súas arelas de cambio”, expresou, de igual forma que ás máis de 100 mil persoas que decidiron non acudir ás urnas este pasado 28 de maio e as moitas mozas e mozos que, malia teren idade legal para traballar, non contan con dereito a voto.
“Vigo non é Abelgrado como con profundo desacerto se chegou a dicir por boca de voceiros do PP, Vigo é moito máis que catro letras, por máis que algún tente monopolizalas”, interpelou Igrexas, que demandou mobilizar os recursos e capacidades do Concello para atender “as necesidades reais das persoas que vivimos e traballamos neste magnífico recuncho de 110 quilómetros cadrados que representa a maior e principal cidade de Galiza”.
O concelleiro nacionalista chamou a deixar atrás definitivamente os “tics autoritarios” de quen confunde unha lexítima maioría coa totalidade, de quen “impón de maneira caprichosa a súa particular vontade” e de quen non comprende que Vigo “non cabe nas estreitas costuras do seu embigo”.
Máis participación e democracia
Igrexas asegurou que facer cidade é “tarefa de todas e de todos”. E, nese sentido, apostou por avanzar con “firmeza” cara a un Vigo con máis democracia e participación. “Facendo do diálogo e a escoita unha obriga, e da participación directa da veciñanza na toma de decisións un dereito”, defendeu. Un compromiso que chamou a facer realidade a través dun novo Regulamento de Participación Cidadá, con orzamentos participativos, reformando o Regulamento Orgánico do Pleno abrindo as súas portas á participación da veciñanza e reactivando os Consellos Sectoriais que deixen de ser “decorados de cartón pedra”.
Medidas que, a xuízo das nacionalistas, permitirán acabar co “rexime de terror que se practicou contra todas aquelas asociacións e entidades que se atreven a discrepar ou a reivindicar” e tamén “impedir que nunca máis ningún goberno poida intentar amordazar a unha forza política”, como se intentou no mandato pasado co BNG. “Na certeza de que se a veciñanza pode decidir remataremos co total abandono dos nosos barrios e parroquias”, dixo.
O portavoz municipal trasladou ademais as coordenadas da folla de ruta nacionalista para este mandato. “O BNG traballaremos con entusiasmo e rigor, con firmeza pero coa man tendida, na certeza de que Vigo merece máis e de que o mellor está por vir”, valorou, defendendo a necesidade de avanzar cara a unha cidade máis habitábel e verde, máis igualitaria e socialmente xusta, que volva ser pulmón produtivo de Galiza, vangarda da creación cultural e motor de todo un País.