O BNG urxe a intervención da Xunta no conflito laboral do hospital Povisa

Reunión do BNG co Comité de Empresa de Povisa en marzo de 2022
Reunión do BNG co Comité de Empresa de Povisa

A fronte nacionalista reclama que o Goberno galego do PP medie nas negociacións por un novo convenio colectivo neste centro médico, financiado con máis de 90 millóns de euros anuais de diñeiro público.

Montse Prado: “A Xunta non pode ser cómplice e consentir esta situación, ten que fiscalizar o que está sucedendo e esixir que as condicións laborais e as ratios de persoal sexan como mínimo as mesmas que na sanidade pública”.

Xabier P. Igrexas: “O BNG levamos moitos anos a denunciar a grave anomalía que supón que este modelo de concerto singular se traduza nunha atención sanitaria ‘de segunda' para 140 mil persoas da área de Vigo”.

O BNG urxe a intervención da Xunta no conflito laboral do hospital Povisa

O Bloque Nacionalista Galego urxe a intervención da Xunta no conflito laboral do hospital Ribera Povisa. A fronte nacionalista reclama que o Goberno galego medie nas negociacións ante o bloqueo por parte da dirección do centro médico privado de Vigo, que se nega a atender as demandas de melloras laborais e salariais do Comité de Empresa, tras 11 anos co convenio colectivo conxelado, e pretende impoñer unha inda maior precariedade aos seus preto de 1.500 traballadoras e traballadores.

“A Xunta e o PP son unha parte importante do problema, non poden desentenderse da calidade asistencial nin das condicións laborais porque estamos a falar dun hospital que recibe cada ano máis de 90 millóns de euros de diñeiro público para prestar atención sanitaria a 140 mil persoas da área de Vigo,”, denunciou a deputada e portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento galego, Montse Prado, tras manter unha xuntanza este venres coa representación sindical do centro acompañada da tamén deputada, Alexandra Fernández, e do concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas.

Prado pediu que o Goberno galego fiscalice como se xestionan os recursos do concerto singular co Sergas, coa creación dunha comisión de seguimento na que participe tamén a representación sindical. Nese sentido, anunciou novas iniciativas do Bloque no Parlamento galego para esixir que se equiparen como mínimo as condicións laborais e as ratios de persoal no centro privado ás fixadas na sanidade pública. “O Goberno galego non pode ser cómplice e consentir esta situación”, reprochou a voceira nacionalista.

Atención ‘de segunda’ polo afán de lucro da empresa

Na mesma liña, o edil do BNG na cidade expresou a “enorme preocupación diante da crecente conflitividade laboral” no centro médico e trasladou o total apoio das nacionalistas ás “lexítimas e razoábeis” demandas do persoal para un novo. Sinalou como causa o “enroque” da propiedade privada pola súa negativa a abordar unha “negociación en serio”.

“O BNG levamos moitos anos a denunciar a grave anomalía que supón que este modelo de concerto singular se traduza nunha atención sanitaria ‘de segunda’ para miles de viguesas e vigueses”, criticou Igrexas, que subliñou que o centro conta con “menos persoal e menos medios humanos que na rede pública polo afán de lucro da dirección do hospital”.

Un mes de parálise nas negociacións
 

Por parte do Comité de Empresa, falou a súa presidenta, Chus Neira, que acusou á dirección de romper as negociacións no último mes tras o inicio das mobilizacións. “Levamos moitos anos nesta situación. Levamos 15 reunións en total para o novo convenio, pero non houbo ningún avance para acordar unha suba salarial, unha xornada estábel, unha mellora nas quendas e poder exercer dignamente e con tranquilidade o noso traballo”, explicou Neira, que avisou de que continuarán coas protestas, incluso valorando a posibilidade dunha folga, en caso de que a empresa manteña o bloqueo nas negociacións.

O BNG urxe a intervención da Xunta no conflito laboral do hospital Povisa