O BNG de Vigo propón mobilizar 100 millóns de remanentes con 15 medidas para atender as necesidades reais da cidade
A fronte nacionalista trasladará unha moción no Pleno municipal de febreiro con propostas para os remanentes “récord” do Concello, que no pasado ano 2023 ascenderon a 213 millóns de euros
Propoñen actuacións para fortalecer os servizos públicos, enfrontar o grave problema da vivenda e do empobrecemento social, mellorar as políticas culturais, deportivas e medioambientais e poñer fin ao abandono dos barrios e parroquias
Xabier P. Igrexas: “Urxe mobilizar estes remanentes para evitar a bola de neve que nos últimos anos provocou unha acumulación sen precedentes de recursos sen gastar”
O Bloque Nacionalista Galego propón 15 medidas para destinar 100 millóns de euros dos remanentes municipais a atender as necesidades reais da cidade. Estas propostas serán sometidas a debate no Pleno municipal de febreiro, no que a fronte nacionalista trasladará unha moción con propostas para utilizar os remanentes “récord” do Concello, consecuencia da “permanente inexecución” dos orzamentos municipais e das “promesas incumpridas” do Goberno de Abel Caballero.
“Os remanentes non son aforro nin eficiencia, son a demostración obxectiva e palpábel da incapacidade do actual Goberno local e da súa xestión de inercia e desleixo”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñando que no pasado exercicio fiscal 2023 os recursos sen gastar superaron os 213 millóns de euros. “Son recursos achegados polas viguesas e vigueses que pola falla de acción do Goberno municipal non retornan, en forma de políticas públicas, á cidadanía”, engadiu.
Fronte a esta situación, o Bloque considera “urxente” mobilizar estes “inxentes” recursos do Concello, máis diante do previsíbel levantamento da suspensión das regras fiscais nos vindeiros meses que ameaza con deixar estes fondos incautados e inmobilizados.
“Urxe mobilizalos para evitar a bola de neve que nos últimos anos provocou unha acumulación sen precedentes de recursos sen gastar”, advertiu Igrexas
Dende a fronte nacionalista trasladaron nese sentido propostas para destinar 100 millóns a alargar e fortalecer os servizos públicos municipais, enfrontar o “grave problema” do acceso á vivenda e do empobrecemento social, promover o emprego e apoiar ao comercio de proximidade, reverter as políticas de “desertización cultural e de maltrato” ao deporte vigués, despregar esforzos reais para avanzar na protección ambiental e contra a emerxencia climática e para poñer fin ao “deliberado abandono” dos barrios e parroquias.
Axencia Local de Vivenda Protexida e Social
Entre as medidas, o voceiro nacionalista insistiu na urxencia de actuar dende o Concello de Vigo fronte ás crecentes dificultades para acceder a unha vivenda. Así, o Bloque propón crear unha Axencia Local de Vivenda Protexida, dotada este ano con mínimo 25 millóns de euros, que permita mobilizar vivenda a prezos asequíbeis, en particular para alugueiro social, e para apoiar as iniciativas de cooperativismo de vivenda.
Plan Cidade para os barrios e parroquias
Outro dos eixos das propostas nacionalistas pasan por poñer fin ao “deliberado abandono” dos barrios e parroquias da cidade. Nesa liña, Igrexas reiterou a necesidade de despregar un Programa plurianual e extraordinario de investimentos para a atención de todos os barrios e parroquias, baixo o título de Plan Cidade, durante os próximos tres anos. Un Plan que, neste primeiro exercicio, estaría dotado con 20 millóns de euros e que, a xuízo do Bloque, ten que contar coa participación directa do movemento veciñal á hora de definir as actuacións.
Emprego e empobrecemento
Reforzar o Plan Municipal de Emprego, aumentando a partida até os 3 millóns de euros, e despregar unha Estratexia Local contra a Pobreza e o Empobrecemento coa creación dunha Renda Social Municipal compatíbel con outras axudas, cun orzamento de 10 millóns de euros, son outras das prioridades das propostas nacionalistas. Aliás, consideran necesario apoiar con máis determinación ao comercio local de proximidade cun Plan integral de impulso.
Máis servizos públicos municipais
No relativo aos servizos públicos municipais, o Bloque chama a alargar os esforzos do Concello. Así, as nacionalistas piden abrir dous novos Centros de Información ás Mulleres (CIM) en Coia e Teis; crear 5 novas escolas infantís municipais diante da falla de prazas públicas para a súa entrada en funcionamento o vindeiro curso en Balaídos, Calvario, Teis, Navia e Centro; axudas aos centros educativos públicos para a mellora das infraestruturas, dos patios e dos espazos deportivos; e abrir dos 2 novos centros cívicos municipais nos barrios do Calvario e Navia.
Reverter a “desertización cultural”
A fronte nacionalista traslada tamén iniciativas para reverter a “desertización cultural” na cidade, como destinar 1,5 millóns de euros a rehabilitar a antiga fábrica da Compañía Viguesa de Pinturas, de titularidade municipal, para a súa conversión na Fábrica Cultural de Teis, como un espazo destinado á promoción da creación artística na cidade. No mesmo sentido, chaman a poñer en marcha unha rede municipal de bibliotecas con cinco novas dotacións en Teis, Valadares, Navia, Coia e Lavadores, con 5,5 millóns como primeiro paso para que todos os barrios e parroquias conten con este servizo.
Deportes e mocidade
O voceiro do BNG denunciou tamén o abandono que padecen as instalacións deportivas municipais, moitas delas pechadas ou con graves problemas estruturais, fronte ao que as nacionalistas chaman a despregar un programa de mellora dos equipamentos, con 3,5 millóns de euros. Tamén nas políticas destinadas á mocidade, apostan pola reapertura de espazos como o Súbete ó Castro e o Punto Xove, así como recuperación de servizos na Casa da Xuventude e a dinamización do Vigosónico, con 1,5 millóns euros.
Medioambiente e emerxencia climática
As propostas nacionalistas teñen tamén presente a necesidade de dar unha respostas aos retos climáticos, para o que chaman a despregar un Plan municipal de resposta á emerxencia climática, así como a poñer en marcha un programa de axudas para a prevención dos incendios, reforestación e valorización do monte comunal, que inclúa entre outras accións a execución do anel verde impulsado pola Mancomunidade de Montes en Man Común.
CONSULTA AQUÍ A MOCIÓN COMPLETA