O BNG urxe á Xunta a impedir o ERE que ameaza 148 empregos no centro de chamadas de Bosch en Vigo
A fronte nacionalista anuncia iniciativas no Parlamento galego para evitar a deslocalización dos servizos que Vodafone presta en Bosch Vigo, tras manter un encontro co Comité de Empresa.
Carmela González: “O goberno de Rueda ten que facer valer os contratos millonarios que ten asinados con Vodafone para evitar que se destrúan máis postos de traballo na nosa cidade”.
Xabier P. Igrexas: “O BNG trasladamos ao persoal de Bosch o noso completo apoio e compromiso para actuar en todos os ámbitos para defender a continuidade do emprego”.
O Bloque Nacionalista Galego urxe á Xunta de Galiza a que impida a aplicación dun ERE no centro de chamadas de Bosch en Vigo, que ameaza a destrución de 148 postos de traballo. A fronte nacionalista vén de anunciar iniciativas no Parlamento galego para evitar a deslocalización dos servizos que Vodafone presta en Bosch, tras constatar nun encontro co Comité de Empresa o risco para o mantemento dos empregos.
“O goberno de Rueda ten que facer valer os contratos millonarios que ten asinados con Vodafone para evitar que destrúa máis postos de traballo na nosa cidade”, instou a deputada do BNG no Parlamento galego, Carmela González, que compareceu en rolda de prensa acompañada do portavoz municipal das nacionalistas en Vigo, Xabier P. Igrexas.
González censurou neste sentido a actitude “impasíbel” da Xunta diante da paulatina perda de empregos en Vigo e no resto do País como resultado da marcha de empresas. No caso de Bosch, o centro de chamadas xustifica o ERE pola deslocalización do servizo de soporte técnico que presta para Vodafone, que xa foi obxecto de expedientes temporais de regulación do emprego e despedimentos durante os últimos cinco anos.
Incumpre o convenio colectivo
“Esta decisión de Vodafone incumpre ademais a esixencia de subrogación dos postos de traballo recollida no propio convenio colectivo”, denunciou Igrexas. O voceiro municipal do BNG lamentou este novo golpe ao emprego nos centros de chamadas, cun importante e crecente peso laboral e económico na cidade. Porén, lamentou a “elevadísima” taxa de precariedade no sector “froito dun convenio estatal que se está a renegociar nunhas condicións absolutamente intolerábeis que insisten no empobrecemento salarial” e que está a motivar diferentes xornadas de folga, a última hoxe mesmo en Vigo.
“O BNG trasladamos ao persoal de Bosch o noso completo apoio e compromiso para actuar en todos os ámbitos para defender a continuidade do emprego e avanzarmos nunhas mellores condicións laborais”, subliñou Igrexas.
500 empregos destruídos desde 2018
Por parte do Comité de Empresa de Bosch compareceu o seu presidente e delegado da CIG, Xulio Paramos, que chamou á sociedade a apoiar as súas reivindicacións porque “non só se deslocalizan os postos de traballo tamén os datos de milleiros de persoas”. Paramos sinalou que esta ameaza de ERE supón a “puntilla” para o servizo que prestan a Vodafone, que chegou a contar con máis de 500 persoas empregadas en 2018. Durante estes cinco anos, denunciou, veñen sufrindo unha continuada destrución de postos de traballo, dos que só se manteñen os 148 afectados polo ERE. “Se ninguén o resolve, senón somos quen de manter eses postos de traballo, en mes e medio non quedará ningún”, advertiu.