O BNG de Vigo propón 8 medidas urxentes para que o Concello actúe ante a situación “límite” da vivenda
A fronte nacionalista defenderá unha moción no Pleno municipal para dar resposta ao aumento do 50% dos alugueiros nos últimos 5 anos, cos prezos máis caros de Galiza
Demanda un parque municipal de vivendas a prezos asequíbeis, mobilizar as 18.500 vivendas desocupadas na cidade e frear a especulación dos pisos turísticos, entre outras
Xabier P. Igrexas: “O alcalde non pode seguir ollando para outro lado mentres cada vez máis familias traballadoras e mocidade non se poden permitir o luxo de vivir en Vigo”
O Bloque Nacionalista Galego propón 8 medidas urxentes para que o Concello de Vigo actúe ante un dos “máis graves” problemas sociais na cidade como é a vivenda. A fronte nacionalista defenderá unha moción no vindeiro Pleno, previsto para este mércores, para dar resposta ao aumento do 50% dos alugueiros nos últimos 5 anos, cos prezos máis caros de Galiza, e fronte á “inacción” dos Gobernos municipal, galego e español.
Así, o concelleiro e candidato do BNG á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, subliñou que urxe despregar políticas a nivel municipal para facilitar o acceso social a este dereito e ben esencial. “O alcalde Abel Caballero non pode seguir ollando para outro lado mentres son cada vez máis as familias traballadoras e, especialmente, as mozas e mozos que literalmente non se poden permitir o luxo de vivir na súa cidade”, reclamou.
O edil nacionalista reiterou esta demanda diante do agravamento deste problema, con incrementos dos prezos de entre un 5% e un 9% só no último ano, e despois de que o PSOE local se negase a aprobar, o pasado mes de setembro, os acordos referidos ao Concello de Vigo nunha moción formulada polo propio BNG. Hoxe na cidade, subliñou Igrexas en base a datos do sector inmobiliario, o alugueiro medio acadou xa os 866 euros mensuais, con estudos de 30 metros en 500 euros e unha habitación nun piso compartido por riba dos 360 euros.
“As viguesas e os vigueses merecen moito máis que unha cidade fermosa, merecen unha cidade na que poder vivir”
O candidato do BNG asegurou que non abonda con “promesas” como as 27 vivendas anunciadas polo rexedor en Esturáns e chamou a utilizar “todos os recursos e a enorme capacidade do Concello” para garantir o dereito a unha vivenda a prezo asequíbel en Vigo. Alertou de como este problema provocou a perda de 4.318 habitantes entre 2020 e 2022 mentres a maioría de concellos da área metropolitana aumentaron poboación no mesmo período.
Plan de choque
A primeira medida proposta polo BNG é un Plan de Choque para dotar á cidade de 300 inmóbeis, como primeiro paso para constituír un parque municipal de vivenda social con alugueiros a prezos asequíbeis. O concelleiro nacionalista explicou que é unha medida viábel, reclamando a cesión das 200 vivendas titularidade da Sareb, participada maioritariamente polo Estado español, e outras 100 a través dun programa municipal de rehabilitación de vivendas desocupadas a cambio da cesión de uso durante unha década.
Axencia Local de Vivenda Protexida e Social
De cara a xestionar ese parque municipal, a fronte nacionalista chama a impulsar a Axencia Local de Vivenda Protexida e Social. Unha proposta coa que queren dar resposta ás máis de 5.800 familias da cidade que están rexistradas como demandantes de vivenda protexida. O edil do BNG denunciou tamén a falla intervención da Xunta, con apenas dúas promoción públicas en 13 anos na maior cidade galega. Cualificou nese sentido de “exemplo clamoroso de nefasta xestión” o novo Plan Parcial de Navia, onde só 80 das 1.600 vivendas serán de promoción pública e moi poucas delas en réxime de alugueiro social.
Aproveitamentos en lugar de seguir facendo caixa
O concelleiro do Bloque pediu destinar os aproveitamentos urbanísticos para incorporar nese parque municipal de vivenda social, reprochando que o Goberno de Caballero os teña empregado para “seguir facendo caixa”, igual que ocorreu coas vivendas que xa eran de titularidade municipal. E con vistas á revisión en proceso do PXOM, pediu axilidade na planificación dos espazos onde se prevén vivendas protexidas. “Abel Caballero incumpriu deliberadamente as súas promesas, como o anuncio en 2007 de que se promoverían 6 mil vivendas protexidas e das que hoxe aínda non se materializou ningunha”, afeou Igrexas
Mobilizar as miles de vivendas desocupadas
Desde a fronte nacionalista insistiron na necesidade dun plan de acción local para mobilizar as 18.500 vivendas desocupadas que existen na cidade co obxectivo de aumentar a oferta dispoñíbel e empurrar así unha redución dos prezos. O edil do BNG lembrou que a maioría desas vivendas son propiedade da banca e fondos de investimento e, segundo recolle o proxecto do PXOM, están en perfectas condicións de habitabilidade. Na mesma liña, pediu apostar polo cooperativismo de vivenda cun programa municipal de apoio e promoción.
Plan Facilitador do Alugueiro
Diante das crecentes dificultades para acceder a unha vivenda por mor das garantías dos arrendadores, o Bloque reitera a proposta dun Plan Municipal Facilitador do Alugueiro. Unha medida para que o Concello asuma e responda polos avais e seguros, e anticipe o pago de fianzas para familias de baixos recursos e a mocidade.
Freo da especulación dos pisos turísticos
O candidato do BNG advertiu ademais sobre como o fenómeno “ultraespeculativo” dos pisos turísticos está a contraer a xa escasa oferta de vivendas dispoñíbeis para alugueiro residencial, deixando Vigo na actualidade co menor número da última década. Así, son máis dun millar o número de pisos turísticos na cidade fronte ás 550 vivendas en oferta para arrendamento convencional. Fronte a esta realidade, Igrexas urxiu a poñer freo a este fenómeno declarando Vigo como cidade saturada, impoñendo unha taxa municipal e a realización de inspeccións para aflorar os pisos non rexistrados.