O BNG de Vigo acusa a Caballero de xestionar o Concello como unha "estafa piramidal" tras executar só o 27% do orzamento
A fronte nacionalista advirte de que o investimento municipal apenas alcanza o 10% e acusa ao Goberno de Abel Caballero de "prometer sen límite, pero ser incapaz de executar o seu propio orzamento"
Alerta de que con esta tendencia o 2026 superará a inexecución do ano pasado cando se deixaron sen gastar 150 millóns de euros do orzamento
Xabier P. Igrexas: “Detrás da cidade-parque temático de Caballero está o Vigo real, con servizos públicos deficientes e millóns de euros acumulados nos bancos por incapacidade de xestión"
O Bloque Nacionalista Galego denunciou o "alarmante" nivel de inexecución do orzamento municipal correspondente ao primeiro semestre de 2026, que cifra nun 27% do total do presuposto, e advertiu de que, de manterse esta tendencia, o Concello de Vigo volverá pechar o exercicio cun novo récord de recursos sen gastar.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurou que o informe de execución orzamentaria evidencia que "o Goberno municipal de Abel Caballero funciona como unha estafa piramidal: recada impostos e taxas máis ca nunca, promete sen límite, pero tendo máis recursos ca ningún goberno na historia da cidade é incapaz de executar o seu propio orzamento".
Segundo se recolle nos datos oficiais do Concello o orzamento municipal ascende este ano a 470 millóns de euros, unha vez incorporados os remanentes, dos que na primeira metade do exercicio só se executou o 27%.
Só o 10% dos investimentos
O BNG considera especialmente preocupante a evolución do capítulo de investimentos, que suma 139 millóns de euros e do que, segundo o informe de execución, só se materializaron algo máis de 14 millóns durante o primeiro semestre, o que representa apenas un 10% do previsto.
Para Igrexas, estes datos "son a evidencia máis rotunda da falla de xestión dun Goberno que anuncia, que promete, pero que non fai"."Non estamos diante de aforro nin de eficiencia. O que hai é desleixo, desatención das necesidades da cidade e unha montaña crecente de promesas incumpridas", afirmou.
A fronte nacionalista considera que esta evolución apunta a que 2026 vai superar a cifra de inexecución rexistrada o pasado ano, cando o Concello pechou o exercicio con 150 millóns de euros sen gastar.
Mobilizar recursos
O portavoz municipal nacionalista defendeu que os recursos que permanecen inmobilizados deberían destinarse a afrontar algunhas das principais necesidades da cidade.
Entre elas citou o reforzo das políticas de vivenda, a mellora do servizo de transporte urbano, actuacións para rematar co abandono de barrios e parroquias, o incremento dos recursos destinados ás políticas sociais nunha cidade con máis de 60.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social, o apoio á cultura e ao deporte vigués e o desenvolvemento de políticas específicas para a mocidade.
"Falamos de millóns de euros que pertencen á cidade e que, en lugar de transformarse en mellores servizos públicos e investimentos útiles para a veciñanza, permanecen acumulados nos bancos pola incapacidade do Goberno municipal para executalos", criticou Igrexas. Nese sentido, o portavoz do BNG contrapuxo a imaxe proxectada polo Goberno local coa realidade que, ao seu xuízo, viven diariamente as viguesas e os vigueses afirmando que "as infografías e os grandes anuncios poden entreter, pero non transforman absolutamente nada".
"Detrás das paredes de cartón da cidade-parque temático de Caballero, decorada con inxentes cantidades de propaganda pagada con diñeiro público, está o Vigo real: unha cidade que non avanza, que non mellora os seus servizos públicos e que segue acumulando necesidades sen atender", afirmou.
Igrexas reclamou un cambio de prioridades na acción do Goberno municipal. "Xa abonda de política aparencial e oca. As viguesas e os vigueses merecen políticas reais e un Concello que mobilice todos os seus recursos para mellorar a calidade de vida” concluíu.

