O BNG de Vigo propón unha verdadeira política municipal de mocidade cun Plan de Emancipación Xuvenil e a reapertura dos espazos e programas desaparecidos
A fronte nacionalista levará ao Pleno unha moción con medidas para reabrir os espazos e programas xuvenís desaparecidos, facilitar o acceso á vivenda e o emprego, reforzar a creación cultural e promover a participación da xente nova
Denuncia que Vigo pasou de ser un “referente” en políticas para a mocidade a reducir as políticas xuvenís a un “pé de páxina”.
Xabier P. Igrexas: “Vigo ten que volver ser unha cidade onde a xente nova poida construír un proxecto de vida. Defender a mocidade non é falar do mañá: é decidir hoxe que cidade queremos ser”
O Bloque Nacionalista Galego defenderá no vindeiro Pleno do Concello de Vigo unha moción para recuperar unha verdadeira política municipal de mocidade, cun paquete de medidas orientadas a favorecer a emancipación, ampliar os recursos públicos para a xente nova e reverter o progresivo desmantelamento das políticas xuvenís na cidade.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que "a mocidade viguesa leva demasiado tempo sendo tratada como unha nota ao pé das políticas do Concello", malia afrontar dificultades cada vez maiores para acceder a unha vivenda, atopar un emprego digno ou desenvolver o seu proxecto de vida en Vigo.
Desmantelamento
A fronte nacionalista lamenta que Vigo pasase de ser unha cidade referente nas políticas xuvenís a un exemplo da súa desaparición progresiva.Igrexas lembrou que, por impulso do BNG, a cidade puxo en marcha iniciativas pioneiras como o programa Súbete ao Castro, ao que seguiu a apertura do Punto Xove, unha Casa da Xuventude con actividades ou o Vigosónico, espazos e servizos que apostaban pola creación cultural, a música emerxente, o asociacionismo e a participación da mocidade.
"Houbo un tempo no que Vigo lideraba. Hoxe, infelizmente, converteuse no exemplo contrario: instalacións pechadas, programas desaparecidos, servizos reducidos á mínima expresión e unha ausencia total de estratexia", criticou.
Ao seu xuízo, o Goberno municipal de Abel Caballero "renunciou a facer política para a mocidade", limitándose a actuacións puntuais e sen unha planificación que responda ás necesidades reais da xente nova.
Emancipación
A moción que defenderá o BNG propón a reapertura e reforzo da rede municipal de espazos xuvenís, así como a posta en marcha dun Plan Municipal para a Emancipación Xuvenil que impulse medidas para facilitar o acceso á vivenda e evitar que a mocidade teña que escoller "entre o desemprego, a precariedade ou a emigración".
A iniciativa inclúe tamén propostas para fortalecer a creación cultural xuvenil, promover hábitos de vida saudábeis, apoiar o asociacionismo e garantir a participación efectiva das mozas e mozos na definición das políticas públicas que lles afectan.
"A mocidade viguesa non precisa discursos paternalistas nin campañas de propaganda. Precisa políticas públicas útiles, ambiciosas e dotadas de recursos para poder quedar a vivir en Vigo e construír aquí o seu proxecto de vida", defendeu Igrexas.
Falla de compromiso da Xunta
A fronte nacionalista demanda igualmente unha maior implicación da Xunta de Galiza nas políticas de mocidade e considera que as decisións do Goberno galego "contribuíron a agravar a situación que vive a mocidade galega".Por iso, o BNG reclama a aprobación dunha nova Lei Galega de Mocidade e políticas que dean resposta aos problemas de acceso á vivenda, ao emprego e á emancipación.
"Vigo ten que volver ser unha cidade onde a xente nova poida construír un proxecto de vida. Defender a mocidade non é falar do mañá: é decidir hoxe que cidade queremos ser", concluíu Igrexas.
