O BNG de Vigo advirte que a suspensión do folga non é “carta branca para a impunidade” de Vitrasa
A fronte nacionalista esixe que o Goberno municipal abandone a complicidade coa dirección da empresa concesionaria e actúe fronte aos seus reiterados e graves incumprimentos
Xabier P. Igrexas: “O BNG imos seguir a defender xunto a unha amplísima maioría social que Vigo teña un servizo de bus á altura dunha urbe de 300 mil habitantes e a maior cidade do noso País”
O portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou “unha boa noticia” o acordo da asemblea de traballadores e traballadoras do servizo de bus urbano da cidade que decidiron desconvocar temporalmente a folga indefinida, após 105 xornadas de paro, para iniciar unha negociación efectiva dun novo convenio. “É unha boa nova porque permite que se comece a avanzar na mellora das condicións laborais e salariais do persoal, despois de máis de tres anos de conflito e de bloqueo da negociación colectiva e tamén para normalizar o funcionamento dun servizo público esencial como é o bus urbano”.
Igrexas expresou en nome do BNG “o noso recoñecemento á loita exemplar do persoal de Vitrasa”. “A pesar de ter todo en fronte, cunha dirección empresarial botada a monte e instalada na pirataría e un Goberno municipal de Abel Caballero aliñado de maneira cómplice coa empresa e cun discurso abertamente antisindical, a súa loita logrou importantes avances”, valorou.
“Meter en cintura” a Vitrasa
No entanto, desde a fronte nacionalista advirten tamén de que “a pausa na folga non resolve o conflito”. Neste sentido, Igrexas interpelou directamente ao Goberno municipal de Abel Caballero para sinalar que “a suspensión da folga non pode ser unha carta branca para que o Concello siga permitindo, con total impunidade, que Vitrasa siga a incumprir as súas obrigas co seu persoal e precarizar o servizo de bus urbano”.
O portavoz municipal nacionalista subliñou que o BNG vai seguir a “esixir, con absoluta firmeza e contundencia, que se meta en cintura a Vitrasa dunha vez, e que se revertan os recortes no servizo”. Recortes que fixeron que hoxe haxa na cidade 250 frecuencias menos de bus das que había en 2019, que desapareceran 4 liñas, que se impuxeran uns horarios que empeoraron o servizo ou que os barrios e parroquias continúen sen ter unha conexión decente por autobús co resto da cidade.
"O BNG imos seguir a defender xunto a unha amplísima maioría social que Vigo teña un servizo de bus á altura dunha urbe de 300 mil habitantes e a maior cidade do noso País”, remachou.