O BNG de Vigo propón aumentar a protección do río Lagares como Espazo Natural de Interese Local
A fronte nacionalista urxe a paralización das obras do paseo á altura de Severino Covas por incumprir a parada biolóxica fixada polo Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galiza desde o mes de abril até xuño, por ser o período de reprodución e cría
Xabier P. Igrexas: “Dende o Bloque vemos con enorme preocupación que o Lagares sexa o río galego que máis plástico verte ao mar e os continuos vertidos de augas sen depurar”
O Bloque Nacionalista Galego propón aumentar a protección do río Lagares converténdoo en Espazo Natural de Interese Local (ENIL). Dende a fronte nacionalista consideran que tanto o Concello de Vigo como a Xunta de Galiza teñen que dedicar máis medios para a conservación do “pulmón azul e verde” da cidade diante da “degradación ambiental” que padece pola “irresponsabilidade” de ambas Administracións.
Nese sentido, o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, considerou “inaceptábel” que máis unha vez se estean a producir obras nas beiras do río, neste caso para a construción do paseo na altura de Severino Covas. “Esta actuación supón ameazar a flora e fauna do Lagares con danos que poden ser irreparábeis”, alertou, asegurando que estes traballos incumpren a parada biolóxica fixada polo Servizo Galego de Conservación da Natureza desde o mes de abril até xuño, por ser o período de reprodución e cría, e tamén da directiva europea de conservación dos hábitats naturais.
Igrexas pediu por estes motivos ao Goberno de Caballero a “inmediata” paralización dos traballos no paseo do Lagares, tal como teñen demandado xa organizacións ambientais como Adega ou Verdegaia. Aliás, avanzou que vai dar traslado desta situación á Xunta de Galiza para que exerza as súas competencias en materia de protección ambiental.
Toneladas de plásticos no Lagares
Dende o BNG trasladaron a “enorme preocupación” polos datos recollidos nun recente informe da organización The Ocean Cleanup, que advirten de que o Lagares é o río galego que máis plástico verte ao mar. Así, dun total de 14 toneladas de plásticos que cada ano acaban nas augas da ría de Vigo, o 89% teñen orixe no principal río vigués. Un fluxo de materiais altamente contaminantes que é un 260% maior do que arrastra un río de moito máis caudal como o Miño.
O portavoz nacionalista chamou tamén a cesar no vertido de millóns de litros de augas sen depurar que cada ano se producen a través de ‘alivios técnicos’ dende a estación depuradora (EDAR) do Lagares e dende outros puntos da cidade, tal como ten denunciado reiteradamente o propio Bloque.
“Desde a nosa aposta cun compromiso real coa sustentabilidade, na certeza de que o futuro de Vigo só pode ser verde, o BNG acreditamos en que é o momento de despregar unha maior protección do río Lagares”, defendeu o portavoz nacionalista, que instou a iniciar xa os trámites para declarar ENIL os 17,5 quilómetros de curso fluvial, desde o seu nacemento na lagoa Mol en Cabral até a súa desembocadura en Samil.