O BNG oponse a que o Concello de Vigo venda a “prezo de saldo” os terreos públicos no Barrio do Cura
A fronte nacionalista vota en contra do convenio coa promotora privada e esixe que os aproveitamentos urbanísticos se destinen á promoción directa de vivenda protexida e social
Xabier P. Igrexas: “Con esta nova operación de urbanismo á carta, o Goberno de Caballero insiste en non poñer en marcha unha verdadeira política municipal de vivenda”
¬INCENDIO AFONSO X: O BNG cualifica de “indecente e inhumano” que o Goberno municipal e a Xunta “boten literalmente á rúa” ás persoas afectadas polo incendio de Afonso X, ao negarse ambas administracións a ofrecer unha alternativa habitacional
O Bloque Nacionalista Galego oponse a que o Concello de Vigo venda a “prezo de saldo” os terreos públicos no Barrio do Cura. Así, este martes na Xerencia Municipal de Urbanismo, a fronte nacionalista vén de votar en contra do convenio coa promotora privada desta urbanización VIP no corazón da cidade, esixindo que os aproveitamentos urbanísticos que lle corresponden ao Concello se destinen á promoción directa de vivenda protexida e social en lugar de “seguir facendo caixa”.
“Con esta pretensión do Goberno municipal, o Concello ingresará menos de 800 mil euros pola súa parcela, coa única contrapartida de que as vivendas protexidas que constrúa a promotora do Barrio do Cura se fagan simultaneamente ás vivendas libres”, criticou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen considerou que este convenio “só beneficia á empresa”.
Igrexas advertiu que, cando remate o período legal de protección desas vivendas, o Concello de Vigo tan só terá unha opción preferente para compralas, mais a prezo de mercado nunha urbanización con prezos que van dende os 215 mil euros, por micropisos de 48 metros cadrados, até os 800 mil para vivendas máis amplas. “É claro que este convenio é un negocio redondo para os promotores privados do Barrio do Cura”.
Novo pastel urbanístico en Esturáns
O portavoz nacionalista criticou tamén a pretensión de Abel Caballero de privatizar as vivendas anunciadas en Esturáns. “O Goberno da maior cidade de Galiza demostra con estas decisións que renuncia a poñer en marcha unha verdadeira política municipal de vivenda, confirmando que seguirá a ser unha parte importante do gravísimo problema de acceso social á vivenda en Vigo en lugar de promover solucións”, lamentou Igrexas.
Nese sentido, criticou que o alcalde “emule as nefastas políticas do PP da Comunidade de Madrid” entregando a construción das 27 vivendas de Esturáns, así como a súa xestión durante 50 anos, a unha empresa privada. “Un novo pastel urbanístico para o apetito insaciábel dos especuladores”, valorou o voceiro municipal.
Igrexas reclamou por estes motivos que o Goberno municipal execute os acordos recollidos na moción promovida polo BNG, aprobada no Pleno do pasado mes de marzo, que entre outras medidas incluía a necesidade de destinar os aproveitamentos urbanísticos a crear un parque municipal de vivenda social en réxime de alugueiro, coa constitución dunha Axencia Local de Vivenda Protexida e Social como instrumento para a súa promoción pública.
¬“Inhumana” expulsión das afectadas de Afonso X
Dende a fronte nacionalista cuestionaron tamén a “inhumana e indecente” decisión do Goberno municipal de Vigo e da Xunta de Galiza de “botar literalmente á rúa” as persoas afectadas polo incendio en Afonso X, negándose a manter o pago no hostal no que foron realoxadas temporalmente e, sobre todo, a ofrecer unha alternativa habitacional estábel, tal como ten demandado reiteradamente o propio Bloque. Unha situación que se agrava pola falla de prazas dispoñíbeis nos albergues e que deixa estas familias sen teito.
“É esta a mellor cidade para vivir da que presume Abel Caballero? Merecen menos atención estas persoas que os peregrinos que pernoctan no albergue da Xunta no Berbés do que tanto fachendea a delegada Ana Ortiz”, valorou Igrexas, quen considerou “moi miserábel que ambas administracións non estean a mover un dedo diante deste drama”.