O BNG de Vigo defende a necesidade dun Pleno extraordinario polo caso ‘enchufe’ diante do silencio do Goberno municipal e para evitar que fique impune
A fronte nacionalista reitera que este escándalo de corrupción sen precedentes no Concello de Vigo merece explicacións e esixe a reprobación da primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, e do alcalde, Abel Caballero.
O portavoz municipal do BNG de Vigo advirte do oportunismo do PP cando a súa formación “non está en condicións éticas de abandeirar ningunha loita pola honradez” nin os puntos que serán sometidos a votación no Pleno foron iniciativa dos populares.
Xabier P. Igrexas: “O BNG actuamos facendo prevalecer a necesidade deste Pleno por hixiene democrática por enriba doutras consideracións”.
O Bloque Nacionalista Galego vén de reclamar un Pleno extraordinario polo caso ‘enchufe’ diante do silencio do Goberno municipal tras a condena dun alto funcionario do Concello de Vigo. A fronte nacionalista impulsa esta convocatoria xunto co resto de forzas da oposición para esixir responsabilidades políticas por unha trama de corrupción “sen precedentes” na cidade.
“Nin a primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, nin o alcalde, Abel Caballero, deron explicación ningunha. O único que fixeron foi agocharse no silencio ou nunha oportuna afonía para despois negarse a contestar as preguntas dos medios de comunicación e mesmo desprezalas”, criticou en rolda de prensa o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que recordou as sucesivas demandas da súa formación para aclarar este caso.
Igrexas cualificou a actitude do Goberno municipal de Vigo como “intolerábel en termos democráticos e incompatíbel coa exemplaridade ética que se nos debe esixir a todas e todos os representantes públicos”. O concelleiro nacionalista valorou que un caso “tan grave”, no que un alto funcionario do Concello de Vigo con evidentes e importantes vinculacións co PSOE “roubou” 108 mil euros de diñeiro público para favorecer a cuñada de Carmela Silva, non pode ficar impune a nivel político.
Reprobación de Caballero e Silva
O portavoz do BNG de Vigo explicou os cinco puntos que serán sometidos a votación neste Pleno extraordinario. Propostas que, clarificou, foron realizadas fundamentalmente polo BNG e tamén pola Marea de Vigo non sendo ningunha iniciativa Partido Popular. Entre as propostas de acordo inclúese que o Pleno rexeite de maneira contundente este caso de corrupción; reprobar á primeira tenente de alcalde, Carmela Silva, e ao alcalde, Abel Caballero pola falla de explicacións e a inacción diante deste escándalo; crear unha Comisión Especial de Investigación para depurar responsabilidades; a posta en marcha dunha Oficina Municipal Anticorrupción e constituír, no prazo máximo de 30 días, a Comisión informativa de Vixilancia da Contratación no Concello de Vigo.
Desde a fronte nacionalista aclaran que a decisión de acordar esta convocatoria de Pleno extraordinario fai “prevalecer a hixiene democrática por enriba doutras consideracións”. Porén, o portavoz do BNG de Vigo advertiu do “relato oportunista” do PP por querer liderar este caso cando a súa formación “non está en condicións éticas de abandeirar ningunha loita pola decencia e a honradez”.
Oportunismo do PP
Igrexas lamentou a “intensidade impostada” polos populares “cando o mesmo día que se coñecía a sentenza o seu portavoz municipal, Alfonso Marnotes, se reunía co alcalde e non se atreveu nin a preguntarlle sobre este caso de corrupción”. Nese sentido, recordou que basta con ver a recente declaración do ex presidente Mariano Raxoi no Congreso “para comprender que o PP non ten a máis mínima lexitimidade para exixir limpeza nin ética”.
O portavoz das nacionalistas de Vigo acusou aos populares de querer repetir o “bochornoso” Pleno extraordinario celebrado no mandato anterior por este mesmo caso que quedou reducido a “un lamentábel e ti máis” entre PSOE e PP. “Pode que teñamos que facelo cunha pinza no nariz, pero farémolo para evitar que a peste a corrupción que envolve o goberno de Caballero siga atufando a cidade”, sentenciou o concelleiro nacionalista.