O BNG de Vigo cuestiona que non se destine “nin un só euro” a medidas fronte á crise dos 32 millóns de crédito extraordinario
A fronte nacionalista reprocha a falla de explicacións no Pleno de como vai executar no orzamento de 2022 esta modificación que entra en vigor o 16 de decembro
Xabier P. Igrexas: “O alcalde foi incapaz de xustificar por que incorpora un suplemento de 2,5 millóns de euros para a dopaxe publicitaria da marca Caballero”
O Bloque Nacionalista Galego de Vigo cuestiona que non destine “nin un só euro” a medidas fronte á crise social dos 32 millóns de crédito extraordinario aprobado polo Goberno municipal. A fronte nacionalista cualifica de “patética” a sesión plenaria, celebrada este mércores co obxecto de aprobar a modificación orzamentaria, diante da falla de respostas do alcalde.
“Caballero non foi capaz de explicar durante os 15 minutos da súa intervención tres cuestións fundamentais, que motivaron o noso voto en contra”, salientou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas. Entre elas, lamentou a negativa do Goberno municipal a aumentar con cargo aos remanentes os recursos para axudas sociais, para despregar máis políticas de emprego ou para axudas para o pequeno e mediano comercio da cidade, tal como propuxo o Bloque ante o agravamento da carestía da vida.
Ademais, Igrexas preguntou ao rexedor como vai executar esta modificación orzamentaria cuxa entrada en vigor está prevista para o 16 de decembro, segundo o propio calendario da proposta do Goberno local, a apenas dúas semanas de rematar o exercicio e en datas inhábiles para a xestión financeira do Concello.
Nese sentido, o candidato do BNG de Vigo lembrou que ningún dos créditos extraordinarios aprobados desde 2020 resultaron executados finalmente
O edil nacionalista aclarou que non rexeitan os investimentos anunciados, dos que moitos deles xa foran recollidos en anteriores partidas orzamentarias, senón o uso propagandístico dos recursos do Concello. Así, criticou que o alcalde non xustificara os motivos para incorporar un suplemento de 2,5 millóns de euros para promocionar a marca Vigo que, a xuízo do BNG, é unha nova “dopaxe publicitaria da marca Caballero con diñeiro de todas as viguesas e vigueses”.