O BNG de Vigo defenderá no Pleno as alegacións veciñais aos orzamentos do Concello rexeitadas por Caballero
A fronte nacionalista inclúe nun voto particular, que se debaterá e votará o luns no Pleno de aprobación definitiva, as alegacións da FAVEC, Aspace, Sárdoma FC e mais a AV de Teis
Xabier P. Igrexas: “Caballero négase de novo a escoitar o tecido asociativo da cidade e pretende impoñer a aprobación definitiva duns orzamentos elaborados en réxime de monólogo”
O Bloque Nacionalista Galego defenderá as alegacións veciñais formuladas ao proxecto de orzamento do Concello de Vigo e que foron, todas elas, rexeitadas polo Goberno municipal de Abel Caballero. A fronte nacionalista inclúe nun voto particular, as alegacións formuladas pola FAVEC, ASPACE, Sárdoma CF e mais a AV de Teis.
Así o vén de anunciar o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen criticou que “Caballero continúa instalado na xordeira autoritaria” e despois de rexeitar as 152 emendas do BNG aos orzamentos municipais do vindeiro ano agora pretenda inadmitir “todas as alegacións formuladas por colectivos sociais”.
Alegacións que recollen propostas que, para o nacionalista, “mellorarían substancialmente os presupostos e permitirían atender as necesidades reais das viguesas e dos vigueses do conxunto dos barrios e parroquias da nosa cidade”.
“Falamos de medidas concretas como aumentar os recursos para axudas sociais, mellorar as instalacións deportivas da ETEA, garantir o financiamento necesario para que a nova piscina de Coutadas ou a mil veces prometida biblioteca de Teis poidan ser realidade canto antes, despregar medidas en favor da plena integración das persoas con discapacidade, ou rectificar o maltrato ao fútbol feminino garantindo un convenio de 60 mil euros ao Sárdoma CF que blinde a continuidade deste club de elite do deporte vigués”, explicou.
Para Igrexas “é claro que Caballero négase de novo a escoitar o tecido asociativo da cidade e recoller as súas lexítimas reivindicacións e pretende impoñer a aprobación definitiva duns orzamentos municipais elaborados en réxime de monólogo e no que a única opinión que conta é a do Grupo Municipal socialista”.
Para evitalo, a fronte nacionalista levará as propostas de todas estas asociacións ao Pleno a través dun voto particular, para que as alegacións sexan debatidas e votadas por todos os grupos. Aliás, desde o BNG insisten en demandar que se poñan en marcha uns orzamentos participativos que permitan que a decisión sobre a que dedicar o diñeiro de todas e de todos sexa tomada coa opinión do conxunto da cidade.