O BNG de Vigo emenda o novo PXOM para blindar a participación e facilitar o diálogo
A fronte nacionalista quere que se garanta a explicación do novo planeamento en todos os barrios e parroquias e a interlocución co tecido asociativo. Demandan ademais que o novo PXOM se someta ao ditame do Consello Sectorial de Transportes, do Consello Local de Accesibilidade e mais do Consello Social da Cidade.
Xabier P. Igrexas: “O que queremos é que Vigo teña un novo PXOM deseñado entre todas e todos, para todos e todas e non só un Plan ao ditado do grupo municipal socialista elaborado na escuridade dos despachos”
O Bloque Nacionalista Galego vén de formular dúas emendas parciais ao documento de aprobación inicial do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo, que se debaterá e votará no Pleno extraordinario convocado para este xoves, co obxectivo de “blindar a participación e facilitar o diálogo”. Propoñen que se garanta a explicación do novo planeamento en todos os barrios e parroquias, así como a interlocución co tecido asociativo, e que se someta ao ditame do Consello Local de Accesibilidade, o Consello Sectorial de Transportes e o Consello Social da Cidade do Concello de Vigo.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a necesidade destas emendas para “corrixir o grave défice que ten o novo PXOM en materia de participación e transparencia”. Desta maneira, o edil chamou o Goberno municipal a rectificar o “total escurantismo” que definiu até o momento os traballos de elaboración do novo plan xeral.
“Queremos facilitar termos un Plan Xeral de toda a cidade e para toda a cidade. E iso esixe máis participación, máis transparencia e máis diálogo”, reclamou. Neste sentido, as emendas nacionalistas, que se someterán ao Pleno, perseguen que o período de exposición pública non se reduza a un “trámite burocrático” senón que se configure como “un verdadeiro instrumento para a participación”. Para iso reclaman que se explique o planeamento en todos os barrios e parroquias e que se garanta a interlocución co tecido asociativo.
A segunda emenda parcial das nacionalistas tenciona “darlle voz” a tres organismos consultivos do propio Concello de Vigo que até o momento non foron informados do novo PXOM. É o caso do Consello Local de Accesibilidade, o Consello Sectorial de Transportes e o Consello Social da Cidade (antigo Consello Económico e Social), no que están representadas as principais institucións, entidades e movementos sociais da cidade, e para os que a emenda nacionalista propón que ditaminen a proposta de novo plan no prazo de trinta días e se lles permita trasladar suxestións e alegacións.
“O que queremos é que Vigo teña un novo PXOM deseñado entre todas e todos, para todos e todas e non só un Plan ao ditado do grupo municipal socialista elaborado na escuridade dos despachos”, remachou o portavoz municipal nacionalista.
O BNG foi a única forza política que formulou emendas de cara á eventual aprobación inicial do novo PXOM.