O BNG de Vigo esixe que o PP rectifique o veto na Deputación a catro relatoras que apoiaron a candidatura nacionalista
A fronte nacionalista denuncia no Pleno municipal a exclusión de Montse Fajardo, Mercedes Queixas, Elsa Quintas e Chus López Escudeiro do proxecto ‘Aquí faltan páxinas’ só dous días despois das eleccións ao Parlamento de Galiza
Xabier P. Igrexas: “Señoras e señores do PP, se lles queda algo de decencia democrática pidan desculpas e retiren esta censura política na Deputación”
O Bloque Nacionalista Galego esixe unha rectificación do Partido Popular polo veto na Deputación de Pontevedra a catro relatoras que apoiaron a candidatura nacionalista nas eleccións do 18F. Así o reclamou o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, durante o Pleno extraordinario celebrado este venres no que se rexeitou por maioría a censura por causas políticas do Goberno provincial a estas catro mulleres do proxecto ‘Aquí faltan páxinas’.
“O PP intentou xustificar cinicamente esta purga alegando motivacións técnicas, cando estamos diante dun caso clamoroso de caciquismo e censura”, reprochou Igrexas sobre a exclusión da escritora e xornalista, referente na memoria histórica, Montse Fajardo; a escritora, Mercedes Queixas; a avogada e vicepresidenta da Mesa pola Normalización Lingüística, Elsa Quintas (veciña de Vigo); e a profesora, Chus López Escudeiro. “Falamos de catro persoas referentes no ámbito da memoria e do feminismo e con acreditadas traxectorias no ámbito da divulgación”, salientou.
O portavoz nacionalista salientou que a empresa que xestiona o proxecto contactou con estas catro persoas nos meses de decembro e xaneiro, tempo no que estiveron preparando as ponencias. Mais só dous días despois da cita electoral do 18F, a mesma empresa comunicoulles que non contaban con elas sen explicar as causas. “Cal é o único denominador común das catro relatoras vetadas? Que dúas delas foron parte das candidaturas do BNG e as outras dúas significaron publicamente o seu apoio”, afeou.
Sobre os argumentos esgrimidos polos populares tanto a nivel municipal como provincial, Igrexas desmentiu que o motivo fora non repetir relatoras da anterior edición, cando só Montse Fajardo participara con anterioridade. “Trátase de maneira evidente dunha represalia política, expresión do máis antidemocrático sectarismo”, criticou Igrexas, quen considerou que estas prácticas colidan de xeito flagrante co exercicio de dereitos fundamentais como a liberdade de pensamento, expresión e á participación política.
Demolición das políticas de igualdade e memoria histórica
“Se se trama como censura, se comunica como censura e ten como resultado a censura, é claro que foi censura”, ironizou o voceiro nacionalista, que enmarcou esta “gravísima decisión” na política de demolición aplicada polo PP na Deputación de Pontevedra coas políticas desenvolvidas entre 2015 e 2023 polo anterior goberno provincial nas materias de igualdade e memoria histórica.
O portavoz do BNG de Vigo asegurou que esta “involución antidemocrática fai retornar o ente provincial aos seus anos máis tenebrosos de instrumentalización partidista e caciquil”, en referencia á etapa de Rafael Louzán á fronte da Deputación. “Señoras e señores do PP, se lles queda algo de decencia democrática pidan desculpas e retiren esta censura ideolóxica”, reclamou Igrexas, que advertiu que o BNG non vai permitir que o PP volva converter o ente provincial no seu “cortello” particular.