O BNG de Vigo lamenta a elaboración “na escuridade dos despachos” do novo PXOM

xpi

A fronte nacionalista critica a falla de transparencia e de participación na elaboración do novo planeamento e esixe ao Goberno municipal que non reduza a exposición pública a un “trámite burocrático”.

Xabier P. Igrexas: “A pesar dos intentos de Abel Caballero por deslumbrar con anuncios, grandes titulares e infografías, o documento de aprobación do PXOM ten importantes sombras”.

O BNG de Vigo lamenta a elaboración “na escuridade dos despachos” do novo PXOM

O Bloque Nacionalista Galego fixo pública unha primeira valoración do documento de aprobación inicial do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal de Vigo, que mañá, xoves, será debatido e votado no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo da cidade olívica. A fronte nacionalista critica a falla de transparencia e participación na súa elaboración e alerta de que o documento presenta “importantes sombras” en cuestións como a protección do patrimonio e ambiental, a mobilidade ou o acceso social á vivenda.

O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, manifestou que “a pesar dos intentos de Abel Caballero por deslumbrar con anuncios, grandes titulares e infografías, o documento de aprobación do PXOM ten importantes sombras”.

A principal eiva, segundo Igrexas, ten a ver coa “total falla de participación e transparencia que envolveu a elaboración do novo PXOM”. Neste sentido, reiterou a crítica formulada polo BNG desde o principio de que “a incapacidade do PSOE a escoitar ningunha voz que non for a propia, e a nula vontade do alcalde por contar co tecido asociativo” impediu que o planeamento proposto dea resposta ás necesidades e aspiracións da “cidade real”. “Non se quixo escoitar a ninguén, nin dialogar con ninguén, o que supón dilapidar a oportunidade que tiñamos como cidade de facer do novo PXOM un instrumento para definir o modelo de cidade que queremos desenvolver nos vindeiros anos”, valorou.

En previsión de que a maioría absoluta do PSOE permitiralle aprobar sen problemas o planeamento, o portavoz municipal nacionalista anunciou que esixirá ao Goberno municipal que o proceso de exposición pública non sexa apenas “un trámite burocrático e permita unha participación efectiva da veciñanza e do tecido asociativo”. “O Goberno ten que levar o PXOM a pé de rúa, levándoo a todos os barrios e parroquias, explicándolle a veciñanza o que se quere facer e, sobre todo, para escoitar a opinión da viguesas e vigueses. Con quen hai que consensuar o novo plan é coa cidade”, remachou.

Desde o Bloque advirten de “deficiencias técnicas e eivas, con importantes lagoas por falla de concreción” no relativo á protección do patrimonio histórico, cultural e industrial da cidade. Tamén consideran que, malia “o afán de Caballero por vestir de verde o PXOM”, hai aspectos “preocupantes” como a renuncia a realizar unha recuperación “integral e total do areal de Samil”, substituíndo o proxecto anterior por unha actuación de menor alcance.

En relación á proxección de vivenda protexida, Igrexas subliña a importancia de que o PXOM permita resolver o grave problema do acceso social a un ben esencial como é a vivenda, lembrando que arestora hai máis de 5 mil familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida e que o encarecemento dos prezos, de venda e alugueiro, está a expulsar a millares de persoas. “Non abonda con que se prevea unha ampla reserva de vivenda protexida, coa que o BNG coincidimos, senón que hai que dotar a cidade de instrumentos que o efectivicen”, advirte, recordando que Abel Caballero xa prometeu en 2007, co anterior plan, construír 6 mil vivendas protexidas en catro anos. “Despois de 14 anos na alcaldía, Caballero non fixo nin seis mil, nin seiscentas, nin sesenta, nin seis. A única política de vivenda do Goberno municipal foi facer caixa malvendendo as vivendas de Rosalía de Castro en lugar de poñelas a disposición do pobo”, criticou.

Compartindo o obxectivo de “compactar” o desenvolvemento urbanístico, as nacionalistas expresan as súas diferencias co modelo recollido no PXOM xa que “concentra o crecemento nalgúns ámbitos centrais pero condenando a unha especie de foto fixa a dous terzos do territorio da cidade que representan as parroquias e os barrios”. Aliás, consideran inxustificados algúns cambios de cualificación urbanística así como as previsións de solo industrial.

Desde o Bloque lamentan a falla dunha intervención decidida no novo PXOM por un cambio de paradigma na mobilidade. “Non abonda con novos viais ou con repartir as cargas de tráfico rodado. Revolucionar a mobilidade en Vigo esixe unha aposta estratéxica polo transporte colectivo para colocalo á altura dunha cidade de 300 mil habitantes”, alerta. Consideran ademais errado seguir insistindo nun modelo viario “radial” que renuncia a conectar axeitadamente os barrios e parroquias.
 

O BNG de Vigo lamenta a elaboración “na escuridade dos despachos” do novo PXOM