Nova tarifa da auga en Vigo? Mesma estafa!

Nova tarifa Vigo

O pasado 30 de setembro o Pleno do Concello de Vigo aprobaba, só cos votos do grupo de Goberno, e coa oposición frontal do BNG, a modificación da ordenanza fiscal que fixa a tarifa do servizo de abastecemento e saneamento de auga da nosa cidade.

Nova tarifa da auga en Vigo? Mesma estafa!

A modificación do recibo foi durante moitos anos unha sentida reivindicación social e motivou unha longa loita por parte do movemento veciñal de Vigo. No entanto, a “nova” tarifa non responde ás demandas da cidadanía e supón un verdadeiro engano por varios motivos:

  1. Manterá un sistema de xestión privada que só beneficia a Aqualia.
  2. O cobro por consumo é unha ficción, xa que as cotas fixas da factura aumentan un 276% (pasando no uso doméstico de 7,6 a 28,62 euros).
  3. Non haberá un aforro real: cun consumo mensual de 6m3 dun usuario/a doméstica o desconto será de apenas 55 céntimos de euro.
  4. As e os usuarios non domésticos, entre os que se inclúen o comercio e as PEME, verán aumentadas as súas cotas fixas un 531% (até os 47,99) , encarecendo un recibo que xa era abusivo e inxusto para estes estabelecementos.

Para alén da propaganda, a nova tarifa nin reduce o prezo da auga (a propia intervención municipal recoñece que prevén ingresar o mesmo que coa anterior), nin estimula o consumo responsábel e unicamente blinda o zumento negocio privado a custa dun ben esencial para a cidadanía, sendo máis que previsíbel unha nova prórroga da concesión de Aqualia. 

O único que cambia é a estrutura da factura para simular que se está a pagar pola auga que realmente se consome, inda que na realidade as cotas fixas representarán máis do 80% do custo total do servizo. 

O Bloque Nacionalista Galego opoñémonos a este calote e defendemos un outro modelo de xestión da auga, que poña este servizo esencial baixo xestión pública a través da súa remunicipalización, como se está a facer en moitas cidades, que abarate o seu custo e que promova un consumo consciente e ambientalmente responsábel

ALEGA CONTRA ESTE CALOTE!

Até o vindeiro venres 13 de novembro calquera cidadá e cidadán pode alegar en contra da modificación da ordenanza fiscal, a través da carpeta cidadá vía web ou do rexistro municipal. Partillamos a continuación un texto-modelo para que o poidas utilizar na túa alegación:


ALEGACIÓN Á MODIFICACIÓN DA ORDENANZA FISCAL Nº60

Dona / D. _________________________ con DI: __________________, e enderezo en ____________________________________________________, de acordo co previsto no artigo 49 da Lei  7/85 reguladora das bases de réxime local, formulo a seguinte reclamación á Modificación da Ordenanza reguladora de prestacións patrimoniais de carácter público non tributario polos servizos de subministración de auga potable, alcantarillado-rede de sumidoiros, saneamento e depuración de augas residuais, aprobada inicialmente polo Pleno do Concello de Vigo o 30 de setembro de 2019:

A modificación aprobada non supón unha efectiva aplicación da tarificación por consumo, xa que malia eliminar o consumo mínimo incluído no término fixo de 30 metros cúbicos bimestrais, na súa aplicación práctica supón unicamente unha modificación dos conceptos tarifarios, imputando ás cotas fixas o groso do importe da tarifa anterior.

Ademais non suporá unha redución real nin relevante dos custes do servizo que asumen tanto os usuarios domésticos como os non domésticos, e está deseñada sen valorar a posibilidade da remunicipalización do servizo para o colocar baixo xestión pública.
En consecuencia, esta modificación non atende a histórica e maioritaria revindicación da cidadanía de Vigo que reclamamos desde hai moitos anos unha nova tarifa que se aplique, de verdade, sobre o consumo real, que abarate os custos e que aposte por un consumo racional e sustentábel.

Polo que, demando a retirada desta modificación e insto o Goberno municipal a impulsar a elaboración dun novo modelo integral da xestión (que inclúa a súa remunicipalización) e un novo sistema tarifario para o servizo de abastecemento, saneamento e depuración da auga na cidade de Vigo, que conte coa participación do tecido asociativo (movemento veciñal, organizacións sindicais e de consumidoras/es) e do conxunto das forzas políticas presentes na Corporación municipal. 

Nova tarifa da auga en Vigo? Mesma estafa!