O BNG defende reducir a 5.000 as sinaturas para que a veciñanza poida propor iniciativas ao Concello
_A fronte nacionalista entregou esta mañá por rexistro 15 alegacións ao Regulamento orgánico do Pleno.
_Serafín Otero: Non podemos estar de acordo cun regulamento que recorta en democracia, en participación e transparencia.
VIGO 09 de maio de 2016.- Tal e como anunciara días atrás, o BNG entregou esta mañá por rexistro as súas alegacións ao Regulamento orgánico do Pleno. O texto foi aprobado inicialmente no pleno do pasado 30 de marzo só cos votos a prol do PSOE. O Responsábel local do Bloque, Serafín Otero, foi o encargado de presentar as 15 alegacións coas que pretenden corrixir a deriva autoritaria que, na súa opinión inspira a modificación do regulamento plenario.
Non podemos estar de acordo cun regulamento que recorta en democracia, en participación e transparencia resume Otero. As emendas formuladas pola fronte nacionalista van máis alá de impedir eses recortes e pretenden, segundo explicou, dar un novo salto adiante en participación cidadá como sempre promovemos o BNG no Concello.
Máis participación
Unha das prioridades das emendas do Bloque é retirar a mordaza que Caballero quere impor nos plenos. A este respecto defenden a supresión das prohibicións a que o público poida portar cartelería de protesta e que a acción moderadora da Presidencia se limite a asegurar o normal desenvolvemento da sesión se que iso supoña restrinxir o dereito de liberdade de expresión das persoas asistentes, sempre e cando este non supoña interrupción ou grave e reiterada alteración da mesma. Propoñen tamén garantir unha duración de como mínimo cinco minutos aos e ás representantes sociais e veciñais que interveñan no Pleno. O que precisa o Concello de Vigo e máis diálogo, máis capacidade de escoitar e atender á veciñanza, e menos prohibicións. O pleno non pode ser unha reunión de palmeiros do PSOE enfatizou Serafín Otero.
A principal aposta do Bloque para pular por unha maior participación veciñal pasa por reducir a 5.000 o número de sinaturas necesarias para que a cidadanía poida promover, de maneira directa, iniciativas regulamentarias (o equivalente ás ILP no ámbito municipal). O regulamento aprobado fixa nun 10% do censo (29.499 sinaturas) o limiar mínimo, case o triplo dos apoios exixidos para promover unha Iniciativa de Lexislativa Popular a nivel galego. É inadmisíbel que se exixan tres veces máis sinaturas para a veciñanza presente unha iniciativa no Concello que as necesarias para facelo no Parlamento galego, criticou Otero.
Por outra banda, demandan a supresión do punto 3 do artigo 49 do regulamento, no que se prevé a posibilidade de impedir o acceso a seguintes sesións plenarias a calquera persoa polo feito de ter sido expulsada dunha anterior. A expulsión dunha persoa no decorrer dunha sesión plenaria, inda estando debidamente motivada, non pode provocar a limitación arbitraria do dereito da veciñanza a asistir a futuras sesións plenarias que son de carácter público. A presunción de maneira anticipada a súa reincidencia nos comportamentos que puntualmente puidesen motivar unha expulsión, supón unha arbitrariedade coercitiva explican na xustificación desa emenda.
Transparencia
Para Otero un dos aspectos máis preocupantes do regulamento plenario imposto pola maioría absoluta do PSOE, é o afán por opacar a xestión e evitar o control da acción de goberno. Neste senso, varias das alegacións das presentadas defenden que non se impoñan limitacións ao acceso de expedientes municipais, aumentar de sete a doce o número máximo de mocións a tratar en cada pleno (garantindo un mínimo de 3 por cada grupo) e elevar de nove a doce o número de rogos e de preguntas que se poidan formular en cada sesión plenaria. Ademais, defenden eliminar calquera restrición a que se poidan filmar, gravar ou retransmitir as sesións plenarias, para que sexan realmente públicas. Estas medidas permitirán maior transparencia e que a cidadanía poida saber realmente o que se fai ou non se fai defende o portavoz local do Bloque. A transparencia é o mellor antídoto contra a corrupción, e nun Concello con varios edís do goberno imputados é máis necesaria que nunca, remarcou.
Pluralidade
Outro dos obxectivos que perseguen as alegacións nacionalistas é que se garanta o respecto á pluralidade política. Neste senso, propoñen manter en 2 o número de concelleiros e concelleiras necesarias para conformar un grupo municipal, en troca de o elevar a 3 como propón o PSOE, fixar a obrigatoriedade de que todos os grupos poidan dispoñer dun espazo de traballo na Casa do Concello e permitir que no caso de existir grupo mixto con concelleiros de varias candidaturas se permita que desenvolvan o seu traballo expresando a denominación tamén da súa formación ou candidatura.
Ademais defenden que se elimine a referencia ao uso do castelán nos debates plenarios, lembrando que continúa en vigor a ordenanza municipal do Concello de Vigo, aprobada en 1988, que estabelece que o idioma oficial do Concello é a lingua propia de Galiza, o galego.
Mobilizacións
En declaracións aos medios de comunicación, após facer entrega das alegacións no rexistro, o responsábel local do Bloque anunciou que se iniciará unha nova rolda de contactos con movementos sociais, veciñais e organizacións sindicais, para artellar unha resposta conxunta ao atropelo antidemocrático que representa o regulamento aprobado polo PSOE. A este respecto, Serafín Otero non descartou a convocatoria de mobilizacións e protestas nas vindeiras semanas.