O BNG reclama un plan de reindustrialización para poñer fin á “situación límite” da comarca de Vigo

EncontroCIGVigo_01
[Imaxe: CIG]

_O deputado, Luís Bará, e a deputada , Montse Prado, mantiveron esta mañá un encontro coa Executiva Comarcal da CIG de Vigo.

_A fronte nacionalista impulsará iniciativas no Parlamento Galego para apostar na reindustrialización da comarca, apoiando o sector naval e automoción, e combater a precariedade laboral.

 O BNG reclama un plan de reindustrialización para poñer fin á “situación límite” da comarca de Vigo

VIGO, 4 de novembro de 2016.-  O deputado Luís Bará e a deputada Montse Prado, mantiveron esta mañá un encontro coa Executiva Comarcal da CIG de Vigo. Na xuntanza participaron tamén o responsábel local do BNG, Serafín Otero, o responsábel comarcal, Manuel Caride, e a membra da Executiva Nacional da fronte nacionalista, Obdulia  Diniz. A xuntanza tiña por obxecto poñer en común a análise da situación social e laboral que padece a comarca de Vigo, así como articular vías de colaboración de cara a definir iniciativas políticas que trasladar ao Parlamento de  Galiza.

“Nós pensamos que o Parlamento é un lugar para facer política. Por iso imos facer un grande esforzo de interlocución para facer propostas. Imos estar na rúa coas organizacións sociais para defender unha alternativa de futuro para o país”, explicou Luís Bará. Este encontro inscríbese, segundo relatou Montse Prado, na rolda de contactos que o Bloque ten iniciado con organizacións e movementos sociais. “Coa CIG manteremos unha interlocución permanente para analizar e facer seguimento da situación social e laboral, e poder trasladar alternativas que dean resposta a esta situación”, afirmou Prado.

Para o BNG é urxente frear os procesos de deslocalización e a crecente precariedade laboral

A respeito do contido do encontro, que se prolongou por espazo de corenta e cinco minutos na sede comarcal do sindicato, Bará sinalou que “hoxe abordamos a necesidade dun plan de reindustrialización da comarca de Vigo, que debe pivotar en sectores como o naval e a automoción”. Neste senso, defendeu a necesidade de “frear os procesos de deslocalización que ameazan ao sector industrial e tamén a crecente precariedade”. “Non pode haber subvencións públicas a empresas que logo deslocan a súa actividade a outros lugares”, advertiu o deputado nacionalista.

A precariedade foi un dos asuntos que centrou a xuntanza. “Imos facer todos os esforzos para reverter a situación laboral en Galiza. Desde o BNG compartimos a preocupación da CIG pola tremenda precarización das condicións laborais que ten como consecuencia o empobrecemento da clase traballadora”, asegurou pola súa banda Montse Prado.

"As políticas do PP están a provocar que unha comarca como Vigo, que debera ser punteira, estea nunha situación límite", Montse Prado

“As políticas do PP están a provocar que unha comarca como Vigo, que debera ser punteira, estea nunha situación límite” denunciou Prado. Diante dun goberno galego que“está de brazos cruzados diante desta realidade”, o BNG despregará unha batería de iniciativas políticas no Parlamento, mais para as que procurarán o maior debate social. Entre as cuestións concretas, para alén de promover a reactivación industrial e a recuperación da actividade no naval e o relanzamento da automoción, a fronte nacionalista reclamará ao goberno galego medidas para reverter o retroceso que padece o Porto pesqueiro de Vigo e recuperar a Ría de Vigo.

 O BNG reclama un plan de reindustrialización para poñer fin á “situación límite” da comarca de Vigo