A PORTAVOZ NACIONAL, ANA PONTÓN CUALIFICOU DE ESTAFAS LEGALIZADAS AS PEAXES QUE SOPORTA GALIZA

Reclamamos nacionalizar a AP-9, sancionar a Audasa polos múltiples abusos e incluír Galiza no plan para eliminar as peaxes

FOTO ACTO VIGO AP-9
AP-9 galega e sen peaxes

Ana Pontón acusa a  Feixóo e ao PP de  votar contra o levantamento  do  veto para a transferencia da AP-9 e reclama ao novo goberno do Estado activar o traspaso e  reverter a infraestrutura para o público.

Reclamamos nacionalizar a AP-9, sancionar a Audasa polos múltiples abusos e incluír Galiza no plan para eliminar as peaxes

 
A portavoz nacional, Ana Pontón cualificou de “estafas legalizadas as peaxes que soporta Galiza”.
 
Nun acto reivindicativo na entrada e saída da autoestrada en Vigo para reclamar a “transferencia da AP-9, sancionar a AUDASA polos abusos e incluír a Galiza no Plan para eliminar as peaxes”,  Pontón lembrou que dende a súa construción  recadáronse   máis de 2.400 millóns de euros en peaxes, mentres que  AUDASA investiu 1.400M€. Na súa opinión, a AP-9 “está máis que amortizada” e  non podemos permitir que “as autoestradas eliminen as peaxes mentres en Galiza nos condenan ao pago ata o ano 2048. Si hai cartos para as radiais madrileñas ten que haber cartos para a AP-9” polo que  instou ao goberno de Pedro Sánchez a “activar a transferencia”. A nacionalista tamén reclamou “incluír a Galiza no Plan de eliminación de peaxes”.
 
No acto ao que asistiron cargos institucionais da comarca, membros do consello comarcal e local de Vigo, Leticia Santos, alcaldesa de Moaña, Luciano Sobral, alcalde de Poio, Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, o deputado por Pontevedra, Luís Bará,  e o deputado e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Cesar Mosquera, a líder do BNG volveu a demandar unha “compensación para Galiza despois de todo o que os galegos e galegas levamos pagado, a AP-9 debe ser pública  e que  merece o mesmo trato que o resto das autoestradas da mesma xeración.
 
Ademais, resulta “escandaloso” dixo,  que sexa máis caro cruzar Galiza que viaxar a Madrid. “Vigo a Coruña con 150 quilómetros custa máis que viaxar de Vigo a Madrid con máis de 600 quilómetros”.
 
Para o BNG, a “AP-9 é unha cuestión de país” e en todo o Estado existen tres autoestradas co máximo período de concesión que permite a lei, 75 anos. Das  tres,  autoestradas dúas están en Galiza, a AP-53 e a AP-9. Para Pontón existe “unha responsabilidade política dos diferentes gobernos de turno no Estado que foron ampliando as concesións. O goberno de Aznar, coa “complicidade de Feixóo” ampliou  a concesión de AUDASA  no ano 2000 até o ano 2048 e no 2003 decidiu “privatizala a prezo se saldo”. Agora,  como despedida do goberno de Raxoi, o ministro de Fomento deixou firmada a suba do 1% para as peaxes. Xa sabemos, ironizou, “de que nos valeu o goberno amigo de Feixóo.
 
Sen embargo, replicou a realidade non é unha foto fixa e dende o BNG queremos un cambio de rumbo por iso reclamos “o rescate para o público da AP-9” e que a concesionaria “deixe de facer caixa a conta de todos os galegos e galegas”. Os gobernos de turno, insistiu, antepuxeron os intereses da concesionaria aos das persoas usuarias da autoestrada  e nós queremos rematar “ coa estafa desta infraestrutura”.
 
Ante os previsibles atascos de tráfico na  AP-9 coa entrada do verán, Pontón avogou por asinar “un protocolo que obrigue a AUDASA a abrir as barreiras”. O novo goberno, saído trala moción de censura, debe obrigar a concesionaria a levantar as barreiras, realizar unha auditoría sobre o funcionamento de AUDASA e “abrirlle un expediente sancionador ante os  múltiples abusos detectados”, concluíu.

Reclamamos nacionalizar a AP-9, sancionar a Audasa polos múltiples abusos e incluír Galiza no plan para eliminar as peaxes