LUÍS BARÁ URXE Á XUNTA DE GALIZA A EXECUCIÓN DO CONVENIO ASINADO EN MATERIA DE TRANSPORTE METROPOLITANO
O BNG esixe pór fin á parálise do transporte metropolitano
Luís Bará urxe á Xunta de Galiza a execución do convenio asinado en materia de transporte metropolitano, e que se garantan as mesmas tarifas para todas as persoas usuarias, con independencia do seu lugar de procedencia.
Por medio dunha proposición non de lei presentada no Parlamento Galego, Luis Bará, deputado do Bloque Nacionalista Galego, instou á Xunta de Galiza a que execute o convenio asinado sobre o transporte metropolitano, a través dun acordo co Concello de Vigo a respecto do financiamento, que ao mesmo tempo garanta as mesmas tarifas para todas as persoas usuarias, con independencia do seu lugar de procedencia.
O BNG eleva ao Parlamento a preocupación entre a veciñanza dos municipios da comarca debido aos problemas no transporte. Desde o Bloque lamentamos que nos últimos anos se estea a dar unha permanente confrontación de corte partidista e electoralista entre Xunta de Galiza e concello de Vigo, e que está a causar graves prexuízos a Vigo e aos concellos da súa área. Esa interminábel disputa institucional entre Goberno municipal de Vigo e Xunta de Galiza tivo e segue tendo un dos seus puntos culminantes da constitución e posta en marcha da Área Metropolitana de Vigo.
O BNG considera que o conflito arredor da Área Metropolitana fica atravesado pola problemática derivada da inexecución do convenio subscrito o pasado 6 de xullo de 2016, entre Concello de Vigo, a empresa Vitrasa (como concesionaria do servizo de transporte urbano da cidade) e Xunta, para a integración de Vigo na área de transporte metropolitano. Unha inexecución que ten causa na diverxencia de criterio referida unicamente á cuestión tarifaria, nomeadamente á compensación das viaxes urbanas dentro do termo.