O BNG dará  a batalla nos concellos e Parlamento polo Transporte Metropolitano

roldabng01

_A fronte nacionalista promoverá mocións nos plenos municipais dos Concellos afectados e presentará iniciativas na Cámara Galega.

_O deputado Luís Bará chama a Xunta e Concello de Vigo a desistir do enfrontamento “partidista” que ten de refén a veciñanza da área metropolitana.

O BNG dará  a batalla nos concellos e Parlamento polo Transporte Metropolitano

O BNG levará a ‘batalla’ pola posta en marcha do Transporte Metropolitano de Vigo aos concellos e o Parlamento galego. Así o anunciou esta mañá o deputado do BNG, Luís Bará, que compareceu en rolda de prensa acompañado pola alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, e dirixentes municipais da fronte nacionalista na área metropolitana. 

O Bloque denuncia que o enfrontamento “partidista e localista” entre Xunta e Concello de Vigo ten convertido en “refén” a toda a veciñanza da área metropolitana, “privándoa dun servizo esencial como é o transporte metropolitano”. A falla de entendemento entre ambas as dúas administración tería convertido en “papel mollado” o convenio subscrito o 30 de xuño de 2016, que as nacionalistas urxen aplicar.

roldabng02Con esa intención presentarán mocións nos plenos municipais dos concellos afectados nas que se demandan a Xunta e Concello de Vigo a aplicar o referido convenio, así como a convocatoria urxente dunha Comisión de Seguimento do mesmo. 

En opinión do deputado do BNG no Parlamento galego, “o goberno municipal de Vigo e a Xunta de Galiza son igualmente responsábeis” desta situación de bloqueo que ocasiona “importantes prexuízos para o conxunto da veciñanza”. Bará levará, novamente, esta cuestión á cámara lexislativa galega a través de interpelacións e dunha proposición non de lei na que se insta á Xunta “a executar o convenio asinado en materia de transporte metropolitano, a través dun acordo co Concello de Vigo a respeito do financiamento, que deberá garantir as mesmas tarifas para todas as persoas usuarias, con independencia do seu lugar de procedencia”. 

A fronte nacionalista reclama que as discrepancias que poidan existir sobre a aplicación do convenio, e singularmente, os transbordos dentro do transporte urbano da cidade olívica, se resolvan a través do “diálogo e cooperación”. No entanto, o BNG entende que esa cuestión non pode ser óbice para impedir a incorporación efectiva de Vigo no transporte metropolitano, toda vez nos restantes aspectos existe un claro acordo. 

PASS VIGO

A preguntas dos medios de comunicación a respeito da problemática veciñal xurdida pola posta en marcha da tarxeta Pass Vigo, restrinxida a persoa empadroadas en Vigo, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, encadrou esta cuestión dentro do problema xeral do transporte metropolitano. “Co transporte metropolitano en funcionamento non teríamos este problema”, sentenciou.

Nese sentido, o responsábel local do BNG de Vigo, Serafín Otero, quixo expresar “a nosa solidariedade coa veciñanza que é vítima das liortas entre PP e PSOE”. “Entendemos que non se pode discriminar a persoas que veñen todos os días a traballar e consumir na nosa cidade”, expresou o dirixente nacionalista rexeitando a posición “insolidaria” que sostén, na súa opinión, o goberno local. Otero, apelou á condición de Abel Caballero de presidente da FEMP para chamalo a “tecer consensos e acordos con outros concellos e administracións”.

O BNG dará  a batalla nos concellos e Parlamento polo Transporte Metropolitano