O BNG logra o acordo do Pleno de Vigo para acabar coa “estafa” das peaxes da AP-9

Xabier P Igrexas, Ana Martinez e Filipe Abalde, grupo municipal BNG no Pleno de Vigo
Xabier P Igrexas, Ana Martinez e Filipe Abalde, grupo municipal BNG no Pleno de Vigo

Aprobada a moción da fronte nacionalista instando o Goberno español a anular a última prórroga ilegal, o rescate público da autoestrada e a transferencia da xestión a Galiza

Xabier P. Igrexas: “A AP-9 supón unha dobre navallada, primeiro cun trazado que supuxo un grande atentado contra o territorio e agora pola responsabilidade compartida de PSOE e PP en contra dos petos de todas as galegas e galegos”

¬ O Bloque denuncia a decisión “antidemocrática” do grupo socialista de presentar unha moción de urxencia que incumpre o Regulamento Orgánico do Pleno

O BNG logra o acordo do Pleno de Vigo para acabar coa “estafa” das peaxes da AP-9

 O Bloque Nacionalista Galego vén de lograr o acordo do Pleno municipal de Vigo para acabar coa “estafa” das peaxes da AP-9. Durante a sesión ordinario decorrida este luns, a moción da fronte nacionalista instando o Goberno español a anular a última prórroga ilegal, o rescate público da autoestrada para liberala de peaxes e a transferencia da xestión a Galiza resultou aprobada malia a abstención do PSOE.

“O mantemento das peaxes da AP-9 é unha clarísima e inxusta discriminación en contra de Vigo e Galiza”, defendeu o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, lembrando que hoxe todas as autoestradas do Estado do mesmo tempo que a galega están libres de peaxes ou a piques de ser liberadas.

Igrexas sinalou as responsabilidades compartidas dos sucesivos Gobernos españois para prorrogar a concesión até o ano 2048, cando tiña que ter rematado en 2013. “Tanto o PSOE como o PP son culpábeis de que as viguesas e vigueses teñamos que seguir pagando por unha autoestrada que xa está máis que repagada”, afeou. “A AP-9 supón unha dobre navallada, primeiro cun trazado que supuxo un grande atentado contra o territorio e agora en contra dos petos de todas as galegas e galegos”.

O voceiro nacionalista puxo en valor os pasos avanzados nos últimos anos co abaratamento das peaxes ou a supresión técnica do paso de Rande grazas ao voto decisivo do BNG no Congreso. Unha rebaixa do 60% nas tarifas que teñen que chegar até o 75% en base ao último acordo de investidura acadado co PSOE. Porén, asegurou que estes descontos son “insuficientes e un paliativo fronte ao calote insoportábel”.

Por estes motivos, Igrexas chamou a un acordo de cidade para que o Pleno demande de forma “clara e rotunda” a anulación da última prórroga outorgada polo Goberno de Aznar a Audasa que, subliñou, foi declarada ilegal mesmo pola Comisión Europea. “Un primeiro paso para despois iniciar o rescate público desta autoestrada co obxectivo de suprimir completamente as peaxes e transferir a súa xestión a Galiza”, explicou.

AP-9 non, radiais madrileñas si

Dende a fronte nacionalista lamentaron a “resistencia” amosada polo actual ministro de Transportes, Óscar Puente, ao rescate da autoestrada. “Un día di que o custo é de 4 mil millóns de euros, cando hai estimacións que o reducen a 2 mil, e días despois o eleva a 6 mil millóns de euros”, cuestionou Igrexas, afeando que o PSOE se opoña a unha AP-9 pública, galega e libre de peaxes cando non o fixo coas radiais madrileñas.

Na mesma liña, cuestionou a falla de coherencia do grupo socialista por “votar unha cousa en Vigo, outra en Santiago e outra en Madrid ao ditado de Ferraz”, en relación á emenda formulada polo voceiro do Goberno municipal, Carlos López Font, malia votar nun sentido contrario como deputado no Parlamento galego.

En relación ao PP, que votou a prol da moción do Bloque, afeou aos populares ser os responsábeis de prorrogar as peaxes e de impedir en 2016 o debate para a transferencia da autoestrada a Galiza, co veto da entón deputada pola provincia e presidenta do Congreso, Ana Pastor. “O PP igual que o PSOE neste asunto, como en outros tantos, teñen posicións de quita e pon en función do que mandan os seus xefes en Madrid”.

MOCIÓN COMPLETA DO BNG

¬ A “monarquía absoluta” de Caballero

O BNG denunciou tamén na sesión plenaria unha nova decisión “antidemocrática” do Goberno de Abel Caballero, presentando unha moción de urxencia que incumpría o artido 54.10 do Regulamento Orgánico do Pleno. O portavoz municipal do Bloque solicitou a inadmisión desa moción por carecer da debida xustificación de urxencia, como estabelece a norma. Unha consideración que a presidencia do Pleno, nese momento en mans da segunda tenente de alcalde, Carmela Silva, declinou sen explicacións.

“É o síntoma máis evidente do gravísimo problema que ten o grupo municipal do PSOE coa democracia”, valorou Igrexas, lembrando que este mandato se impediu a tramitación dunha moción de urxencia do propio BNG por unha “interpretación restritiva” do mesmo artigo, e no pasado mandato unha do PP por non motivar a urxencia da moción.

“As normas teñen que ser iguais para todos e todas, e resultado escandaloso que se lle permita vulnerar un Regulamento que foi aprobado en solitario polo PSOE”, reclamou o voceiro nacionalista, quen afeou que o Goberno de Abel Caballero “confunda unha lexítima maioría absoluta cunha especie de monarquía absoluta onde poden facer o que lles dá a gana”.

Por estes motivos, o grupo municipal do Bloque decidiu non participar do debate da moción nin tampouco da votación “falsa” ao considerar que se está permitindo ao grupo socialista “alterar de maneira ilegal e antidemocrática as normas de xogo”.
O BNG logra o acordo do Pleno de Vigo para acabar coa “estafa” das peaxes da AP-9