O BNG de Vigo lamenta que o PSOE se negase a esixir no Pleno o rescate da concesión do Hospital Álvaro Cunqueiro
O grupo municipal socialista rexeitou a emenda do BNG na que se reclamaba a fin da concesión privatizada do HAC
Xabier P. Igrexas: “Non abonda con pedir xenericamente responsabilidades políticas á Xunta do PP, o que cómpre é esixir unha rectificación na imposición dun hospital privatizado e recortado
O Bloque Nacionalista Galego lamentou que o grupo municipal socialista se opuxese no Pleno municipal do Concello de Vigo celebrado esta mañá a reclamar o rescate da concesión privada do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC).
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, defendeu a través dunha emenda á moción do PSOE a respeito do sobrecusto de 470 millóns de euros na construción do novo hospital da cidade que o Pleno instase ao Goberno galego a iniciar o procedemento para rescatar a concesión. “Non abonda con pedir xenericamente responsabilidades políticas á Xunta do PP, o que cómpre é esixir unha rectificación na imposición dun hospital privatizado e recortado”, argumentou.
Igrexas defendeu que “o clamor unánime desta cidade, que se manifestou en masivas mobilizacións nos últimos anos, o que esixe é termos un hospital de titularidade e xestión cento por cento pública”. Por esta razón considerou “incomprensíbel e moi decepcionante” que o PSOE se negase, sen dar ningún motivo, a que o acordo plenario recollese expresamente a demanda do rescate concesional. No entanto, o grupo municipal do BNG votou favorabelmente a moción na que se demandaban responsabilidades políticas polo escandaloso sobrecusto.
Terremoto privatizador
O portavoz municipal nacionalista cargou con dureza contra o modelo “privatizado e recortado” imposto polo Partido Popular para o novo hospital vigués, que para alén do millonario sobrecusto supuxo que o HAC teña 700 camas menos, 12 mil metros cadrados de superficie menos e tamén un recorte de 16 mil metros cadrados en aparcamento. Neste sentido, cualificou o HAC de “epicentro do terremoto que a golpe de recortes e privatizacións converteu a área de Vigo na zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”, acusando o PP de aplicar unha política sanitaria que “só busca que uns poucos fagan negocio da nosa saúde”.
“Os 470 millóns de euros de sobrecusto que o PP entregou a empresas privadas é o equivalente a 50 TACS, 89 resonancias magnéticas, 100 mamógrafos ou o custe de 250 médicas e médicos de familias durante 20 anos”, enfatizou.
Transparencia
Diante dun Goberno galego “fuxido e que se nega a dar a cara” a emenda nacionalista esixía tamén que a Xunta explicase de maneira detallada as causas do sobrecusto detectado polo Consello de Contas e que aclarase algunhas das irregularidades detectadas a consecuencia da escolla do modelo concesional. No concreto, instaban ao executivo galego a xustifica as decisións de non considerar a posibilidade de que o investimento para a construción do Hospital Álvaro Cunqueiro puidera ser financiado a través da Sociedade Galega de Investimento, do Banco Europeo de Inversións (BEI) ou outros axentes públicos. Tamén pedían explicacións sobre a substitución do estudo de viabilidade polo estudo de viabilidade económico financeira, polo feito de que a minoración dos metros útiles en diversas áreas do hospital sen ser acompañada de minoración dos prezos e, por último, dos motivo que levaron a fixar un prazo de duración da concesión superior aos 17 anos inicialmente previstos.
Aliás, Igrexas remarcou que “se o PP non ten nada que agochar terá que permitir a creación, proposta polo BNG, dunha Comisión de Investigación no Parlamento galego para poñer negro sobre o branco o que pasou”.