O BNG propón multiplicar por 10 os recursos do Concello de Vigo e da Xunta no Consorcio do Casco Vello

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista pide alargar a capacidade de intervención da entidade para promover a rehabilitación de vivendas destinadas ao alugueiro a prezos accesíbeis

Xabier P. Igrexas: “Urxe meter unha marcha máis na recuperación do casco histórico da cidade para sexa un espazo no que vivir e non só para visitar ou consumir hostalería”

O BNG propón multiplicar por 10 os recursos do Concello de Vigo e da Xunta no Consorcio do Casco Vello

O Bloque Nacionalista Galego propón multiplicar por 10 os recursos que destina o Concello de Vigo e a Xunta de Galiza no Consorcio do Casco Vello. A fronte nacionalista pide alargar a capacidade de intervención da entidade para promover a rehabilitación de inmóbeis para alugueiro a prezos accesíbeis diante do grave problema de acceso social á vivenda na cidade.

“Consideramos ridículo que a capacidade de investimento do Consorcio do Casco Vello para este ano 2024 sexa de apenas 1,2 millóns de euros, practicamente a metade do que vai gastar o Concello nos concertos de Castrelos”, valorou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, quen trasladou esta proposta no Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo celebrado este martes.

Igrexas demandou nese sentido pasar dos “ridículos” 44 mil euros que achega o Concello cada ano a un mínimo de 440 mil, mentres que da Xunta reclamou recursos por importe de 4 millóns de euros en lugar dos “escasísimos” 400 mil que transfire na actualidade. “Son contías perfectamente asumíbeis a nivel orzamentario por ambas as dúas administracións”, asegurou.

Un maior investimento que, a xuízo das nacionalistas, permitiría unha maior actuación do Consorcio fronte as apenas 6 rehabilitacións proxectadas para este ano. “Urxe meter unha marcha máis no proceso de rehabilitación do casco histórico da cidade, combatendo o crecente proceso de xentrificación que está a agudizar a proliferación de vivendas de uso turístico, no compromiso de que o Casco Vello de Vigo sexa un espazo no que vivir e non só para visitar ou consumir hostelaría”, valorou o portavoz municipal do Bloque.

Orientar as actuacións ao alugueiro

Dende a fronte nacionalista consideraron necesario tamén reorientar as actuacións do Consorcio do Casco Vello para facilitar alternativas de alugueiro social e non só de compravenda. Nese sentido, lembrou que en Vigo son máis de 6 mil as familias rexistradas como demandantes de vivenda protexida, das que un 80% o solicitan en réxime de alugueiro.

Igrexas afeou a falla de políticas públicas do Concello e da Xunta de Galiza fronte a un dos maiores problemas sociais na cidade como o acceso á vivenda. “O BNG seguiremos a insistir para que se garanta o primeiro dereito da cidadanía de Vigo, o de poder habitar a propia cidade, diante duns prezos absolutamente privativos que fan da vivenda un luxo inalcanzábel para cada vez máis viguesas e vigueses”, afirmou.

A este respecto, cuestionou os “foguetiños propagandísticos” do Goberno municipal de Abel Caballero, en relación á medida aprobada este luns no Pleno para destinar 150 mil euros a subvencións para rehabilitación de vivendas. Lamentou que, por contra, o PSOE rexeitara a proposta do Bloque para mobilizar 25 millóns de euros dos remanentes municipais para constituír unha Axencia Local de Vivenda como primeiro paso para que a maior cidade galega conte cun parque público de vivenda protexida e social. 

O BNG propón multiplicar por 10 os recursos do Concello de Vigo e da Xunta no Consorcio do Casco Vello