O BNG acusa a inacción da Xunta e do Goberno local diante da “grave” situación laboral en Vigo

Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo
Xabier P. Igrexas, concelleiro do BNG en Vigo

A fronte nacionalista denuncia a falla de respostas de ambas administracións fronte ao aumento do paro e a perda de postos de traballo que reflicten os principais indicadores.

Xabier P. Igrexas: “Esta situación deixa en evidencia os efectos demoledores da nefasta política industrial e do emprego tanto do Goberno galego como do municipal”.

O BNG acusa a inacción da Xunta e do Goberno local diante da “grave” situación laboral en Vigo

O Bloque Nacionalista Galego volta acusar a inacción da Xunta e do Goberno local de Vigo diante da “grave” situación laboral e produtiva que atravesa a cidade. A fronte nacionalista critica que ambas administracións continúen a mirar cara outro lado malia o incremento continuado do desemprego e a perda de miles de postos de traballo, en particular en sectores industriais estratéxicos.

“O paro aumentou en Vigo o triplo que o promedio do conxunto de Galiza, elevando a máis de 20 mil as persoas rexistradas como desempregadas”, denunciou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, en relación aos datos de desemprego feitos públicos este pasado mércores. Unhas cifras que, advertiu, non representan a totalidade do problema laboral que padece a cidade. “O paro real é moito maior”, alertou, dado que non se computan neste indicador aquelas persoas que están a facer accións formativas para inserción laboral, aquelas que teñen empregos de poucas horas ao longo do mes nin aquelas suxeitas a diferentes modalidades de expendientes de regulación de emprego.

Igrexas subliñou nese sentido como os últimos datos dispoñíbeis da Enquisa de Poboación Activa (EPA) —que reflicten a perda de 13 mil postos de traballo desde 2009 e de preto de 5 mil empregos en actividades industriais só no último ano — constatan máis unha vez a gravidade da crise laboral en Vigo e poñen de manifesto a falla de respostas dos Gobernos galego e municipal para enfrontar o problema.

Plan de reindustrialización

En particular, o edil nacionalista lamentou o “clamoroso devalar da cidade como grande pulmón produtivo e industrial de Galiza”. Unha situación que, apuntou, deixa en evidencia “os efectos demoledores da nefasta política industrial e do emprego da Xunta”, con especial afectación en dous sectores estratéxicos para Vigo, a súa comarca e o País, como son o naval e a automoción. Desde o BNG reiteraron a urxencia dun plan de reindustrialización que permita asegurar o futuro produtivo, unha demanda rexeitada de forma continuada polas distintas administracións competentes.

Sen recursos do Concello

O concelleiro do BNG en Vigo criticou tamén que o Goberno municipal continúe a “se poñer de costas” diante desta situación límite, a pesar das propostas do Bloque para incrementar o papel do Concello nesta materia. “Non podemos comprender como neste contexto, en lugar de poñer todos os medios e recursos para propiciar a creación de emprego na cidade, o goberno de Abel Caballero insista en destinar unha partida raquítica para o Plan Municipal de Emprego ou que non executara un só euro en 2021 dos programas de inserción laboral para as mulleres e a mocidade”, remachou.

O BNG acusa a inacción da Xunta e do Goberno local diante da “grave” situación laboral en Vigo