O BNG alerta do risco de que as ludotecas municipais de Vigo pechen a partir de xuño

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista denuncia que non se iniciou unha nova licitación para a xestión do servizo de ludotecas a menos de dous meses para a fin da segunda prórroga do contrato

Xabier P. Igrexas: “Falamos dun servizo de enorme importancia que atende arredor dun centenar de crianzas por xornada, e que xa se desenvolve nunhas condicións precarias pola falla de vontade e compromiso do Goberno de Abel Caballero”

O BNG alerta do risco de que as ludotecas municipais de Vigo pechen a partir de xuño

O Bloque Nacionalista Galego vén de alertar este xoves do risco de que as ludotecas do Concello de Vigo pechen a partir do vindeiro 3 de xuño. Así o denunciou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, trasladando a “enorme inquedanza” tanto do persoal como das familias usuarias diante da fin da segunda prórroga do contrato para a xestión deste servizo.

“A menos de dous meses aínda non hai ningunha información sobre que vai suceder coas ludotecas municipais, toda vez inda non se iniciou o procedemento para unha nova licitación”, cuestionou Igrexas. A este feito, advertiu, se engade o traslado forzoso das actividades que se prestaban na Casa da Xuventude, pechada ‘sine die’ sen previo aviso a finais de marzo, ao pavillón de Coia sobre o que existe a previsión de obras de reforma.

“Estas dúas situacións fan claro o risco de que as ludotecas sexan fechadas a partir do mes de xuño, sen unha data clara para a súa reapertura”, asegurou o portavoz nacionalista, demandando explicacións á concelleira de Xuventude e esixindo que se manteña a actividade deste servizo de “enorme importancia” que cada día atende arredor dun centenar de crianzas de entre 4 e 12 anos.

Porén, dende o Bloque lamentaron que as ludotecas xa veñan prestando un servizo “precario” por contar con menos persoal do necesario e cun orzamento de menos de 1 euro ao mes para material por usuario, tal como ten denunciado a propia fronte nacionalista. “Estas condicións precarias só responden á falla de vontade e compromiso do Goberno de Abel Caballero”, criticou Igrexas.

O portavoz nacionalista lembrou que tanto as ludotecas e os campamentos de verán son, na práctica, as únicas actividades e servizos que o Concello de Vigo lle ofrece á cativada da cidade. “Sabemos que non son obxecto de grandes inauguracións ou infografías das que tanto gosta a política de autobombo de Caballero e, tamén, que as nenas e nenos non votan, pero son cidadanía con dereitos que merece que o Concello atenda as súas necesidades e preste servizos e actividades para elas”, valorou. 

O BNG alerta do risco de que as ludotecas municipais de Vigo pechen a partir de xuño