O BNG esixe paralizar a privatización das conserxarías dos colexios públicos de Vigo

Foto_Xabier P. Igrexas_ BNG Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista chama o Goberno municipal a atender o “clamor unánime” da comunidade educativa contra esta decisión e advirte de que o prego da licitación non garante que todos os centros dispoñan de persoal durante toda a xornada lectiva

Xabier P. Igrexas: “Os colexios van ter con esta privatización un servizo intermitente, por horas e días, co que iso supón de precariedade e de falla de atención”

O BNG esixe paralizar a privatización das conserxarías dos colexios públicos de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego esixe a suspensión inmediata do procedemento de licitación aberto polo Concello de Vigo para privatizar o servizo de conserxaría dos colexios públicos e escolas infantís. Así o reclamou este martes o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, quen chamou o Goberno de Abel Caballero a atender o “clamor unánime” da comunidade educativa contra esta decisión.

“O Goberno municipal teima en non escoitar e insiste en converter en fonte de negocio privado a xestión dun novo servizo público”, denunciou Igrexas, lembrando precedentes como a privatización do servizo de apertura e peche das instalacións deportivas municipais, que derivaron nunha “grave precariedade e condicións laborais inaceptábeis”.

Concentración da comunidade educativa contra a privatización en decembro de 2023

O portavoz nacionalista lembrou que tanto as direccións dos centros educativos, o profesorado, as familias como sindicatos do Comité de Persoal do Concello xa manifestaron publicamente a súa oposición contra a pretensión de privatizar un servizo público esencial para o correcto funcionamento dos colexios.

De feito, no presente curso escolar 28 dos 49 centros non teñen garantido este persoal con funcións de vixilancia e portaría pola “incapacidade e falla de xestión do Goberno municipal”, todo malia existir unha bolsa de contratación actualizada hai menos dun ano e outros mecanismos legais como a provisión de postos a cargo das Ofertas Públicas de Emprego pendentes, con preto de 250 prazas de persoal municipal sen adxudicar.

Dúbidas sobre a licitación

Igrexas advertiu tamén sobre as “importantes dúbidas” recollidas no prego de prescricións técnicas do contrato, por importe de catro millóns de euros para os vindeiros dous anos. Así, o voceiro do BNG que se inclúen no contrato colexios que neste momento si dispoñen de persoal municipal “polo que parece que a pretensión do Goberno local é retiralos para substituílos pola empresa que se faga coa licitación”.

Aliás, avanzou que non estará garantido que todos os centros vaian dispor de persoal de conserxaría durante toda a xornada lectiva, posto que a bolsa total de 35.250 horas ofertada equivale, distribuídas entre os 49 centros, a menos de 90 xornadas completas ao ano en cada centro, apenas un trimestre escolar.

“O que parece claro é que con este contrato que se está a tramitar os colexios van ter un servizo intermitente, por horas e días, en función de tarefas concretas, co que iso supón de precariedade e de falla de atención”, criticou o portavoz do Bloque, esixindo que se poña fin a este proceso privatizador garantindo o servizo público en todos os centros educativos da cidade durante o curso completo.

Dende a fronte nacionalista enmarcaron esta decisión “inxustificada” no proceso de privatización do Goberno de Abel Caballero cos servizos do Concello de Vigo. “Hoxe 2 de cada 3 euros do orzamento municipal van parar aos petos de empresas privadas”, cuestionou, asegurando que o alcalde é o “verdadeiro campión das privatizacións que non ten nada que envexarlle aos gobernos do PP”.

O BNG esixe paralizar a privatización das conserxarías dos colexios públicos de Vigo