O BNG esixe a retirada do protocolo que deriva as consultas pediátricas por teléfono na área de Vigo

Montse Prado en rolda de prensa acompañada de Alexandra Fernández, Xabier P. Igrexas e Carmela González
Montse Prado en rolda de prensa acompañada de Alexandra Fernández, Xabier P. Igrexas e Carmela González

A fronte nacionalista rexistra iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta dea marcha atrás nesta decisión que “pon en risco a saúde” das nenas e dos nenos

Montse Prado: “Esta circular non é unha ocorrencia de última hora, senón un paso máis na voadura programada do PP contra a Atención Primaria e a sanidade pública”

Xabier P. Igrexas: “É insoportábel que haxa máis de 3.600 crianzas que hoxe non teñen pediatra asignada na área de Vigo”

O BNG esixe a retirada do protocolo que deriva as consultas pediátricas por teléfono na área de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego esixe a retirada do protocolo que deriva as consultas pediátricas por teléfono cando non haxa profesionais dispoñíbeis nos centros de saúde da área de Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Parlamento galego para que a Xunta dea marcha atrás nesta decisión que “pon en risco a saúde” das crianzas e para que tome medidas urxentes que garantan a atención por especialistas en Pediatría de forma presencial en todos os centros de saúde.

“Non imos aceptar que a Xunta do PP pretenda cruzar unha nova liña vermella na súa folla de ruta para desmantelar a Atención Primaria”, denunciou a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, nunha rolda de prensa celebrada este mércores xunto co concelleiro e candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas, e as deputadas Carmela González e Alexandra Fernández.

Prado reclamou así que se retire este protocolo, remitido pola Xerencia da Área Sanitaria aos centros de saúde de Vigo, e rexeitou os “matices” anunciados polo Sergas ao documento.

“Non se pode valorar e auscultar a unha crianza por teléfono nin pedir que o persoal de Enfermería ou do mostrador diagnostiquen e decidan a urxencia de cada caso”, cuestionou, de vez que advertiu que esta decisión deixa tamén “vendido e sen soporte legal” ao persoal

“Esta circular non é unha ocorrencia de última hora, senón un paso máis na voadura programada do PP contra a sanidade pública”, afirmou a voceira nacionalista. Subliñou como causa os continuados recortes e falla de investimentos en Atención Primaria, que sitúan Galiza na penúltima posición do Estado, e provocan que en 200 concellos galegos non haxa na actualidade ningún pediatra nos centros de saúde.

Nese sentido, o BNG demanda nas súas iniciativas que a Xunta deixe de ocultar os datos e informe sobre o número total de pediatras en activo, cantas prazas están vacantes e cantos profesionais próximos á xubilación. “Non podemos continuar derivando casos que tiñan que resolverse en Atención Primaria para saturar máis o PAC ou as Urxencias Pediátricas dos hospitais”, remachou.

3.600 crianzas sen pediatra na área de Vigo

Na mesma liña, o candidato do BNG de Vigo cualificou de “insoportábel” que máis de 3.600 crianzas da área sanitaria non teñan hoxe asignado pediatra, que sexan continuas as ausencias non cubertas ou que as xubilacións non se substitúan. Lembrou, ademais, que “o capricho do PP” xa deixou sen pediatra durante o verán a centos de nenos e nenas nas parroquias da cidade.

“Estes novos recortes son un castigo sádico que se ceba cos máis vulnerábeis, cando a saúde das nosas fillas e fillos sempre ten que ir por diante”, defendeu Igrexas, que advertiu á delegada da Xunta en Vigo e candidata do PP, Marta Fernández-Tapias, que non van permitir que sigan poñen en risco a saúde das crianzas da área. “Só buscan seguir estimulando o grande negocio das súas empresas amigas na sanidade privada, como demostra que elección tras elección teñan algún representante das mesmas na súa candidatura en Vigo”.

O BNG esixe a retirada do protocolo que deriva as consultas pediátricas por teléfono na área de Vigo