O BNG demanda unha rectificación da Xunta polo recorte de 375 camas na área sanitaria de Vigo

Montse Prado en rolda de prensa acompañada de Alexandra Fernández, Xabier P. Igrexas e Carmela González
Montse Prado en rolda de prensa acompañada do concelleiro en Vigo, Xabier P. Igrexas, e das deputadas Alexandra Fernández e Carmela González

A fronte nacionalista denuncia que o novo peche previsto para os meses de verán suporá un aumento das xa “insoportábeis” listas de espera e un “maior risco” para a saúde

Montse Prado: “Esta decisión é totalmente inaceptábel, toda vez que a área ten un déficit estrutural de camas hospitalarias e máis de 11 mil persoas agardando unha intervención”

Xabier P. Igrexas: “Un novo recorte inxustificábel, como se no verán a xente non enfermase e ignorando tamén o aumento poboacional por causa do turismo”

O BNG demanda unha rectificación da Xunta polo recorte de 375 camas na área sanitaria de Vigo

O Bloque Nacionalista Galego demanda unha rectificación da Xunta de Galiza polo recorte de 375 camas hospitalarias na área sanitaria de Vigo. A fronte nacionalista denuncia que o novo peche previsto para os meses de verán vai supor un aumento das “insoportábeis” listas de espera e un “maior risco” para a saúde da poboación.

“Pechar camas ten contraindicacións e efectos secundarios, especialmente graves porque deixan baixo mínimos os quirófanos, os equipos de diagnóstico e os cadros de persoal”, cuestionou a portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, que xunto co concelleiro nacionalista en Vigo, Xabier P. Igrexas, cualificaron de “inaceptábel este novo tesoirazo” do PP na prestación sanitaria ás portas do verán.

Prado reprochou nese sentido o “escurantismo” do Goberno galego, que non informou publicamente de cantas camas vai pechar, nin durante canto tempo nin tampouco con que xustificación. “Temos coñecemento grazas ás organizacións sindicais de que van ser arredor de 375 as camas inoperativas até setembro no Hospital Álvaro Cunqueiro e no Meixoeiro, máis das inicialmente previstas”, asegurou.

A voceira do BNG advertiu de que esta decisión non responde a ningún criterio asistencial, pois a área sanitaria ten un déficit estrutural de camas hospitalarias e conta con máis de 11 mil persoas agardando unha intervención. “Vai significar a paralización da actividade cirúrxica, maior sobrecarga de traballo, a mestura de doentes con diferentes patoloxías e persoas ingresadas en plantas sen persoal da especialidade”, engadiu.

Unha situación que, a xuízo das nacionalistas, se traducirá nunha maior saturación dos servizos de Urxencias, nun aumento da derivación de doentes á sanidade privada e un aumento exponencial das listas de espera. Pola contra, Prado demandou ao PP que dea marcha atrás a esta decisión e que, ademais, reiterando a necesidade de aumentar as contratacións de persoal e a estabilidade laboral das e dos profesionais sanitarios.

Un “risco” para a saúde

Na mesma liña, o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, valorou como “moi grave” este novo peche de camas “como se no verán a xente non enfermase e ignorando tamén o aumento poboacional que se rexistra por causa do turismo”. Igrexas alertou de que esta decisión resulta “especialmente perigosa” na área sanitaria de Vigo, con agardas de case 25 días para intervencións consideradas como prioritarias, fronte aos 15 días na área da Coruña.

“Precisamente os meses de verán deberan ser aproveitados para alixeirar esas demoras insoportábeis e que supoñen un claro e evidente risco para a saúde das persoas”, afirmou o edil nacionalista, que enmarcou este peche na estratexia de recortes que o PP impón na Xunta e que converteron a área de Vigo na “zona cero da desfeita sanitaria en Galiza”.

“Non podemos tolerar que o PP continúe a xogar coa saúde e a vida das viguesas e dos vigueses”, advertiu Igrexas, que chamou ao Goberno galego a “cesar” nestas políticas que “insisten en recortar” o dereito da poboación a unha atención sanitaria “en condicións, tamén cando vai calor”.  

O BNG demanda unha rectificación da Xunta polo recorte de 375 camas na área sanitaria de Vigo