O BNG urxe medidas de promoción do emprego en Vigo fronte ao “triunfalismo inxustificado” de Caballero

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, en rolda de prensa (arquivo)

A fronte nacionalista alerta de que aínda non se convocaron este ano as axudas do Plan Municipal de Emprego, os programas de inserción laboral para a mocidade e mulleres vítimas de violencia machista nin o Vigo Emprega

Xabier P. Igrexas: “Non sabemos exactamente que celebra o alcalde en relación á evolución do emprego cando a situación laboral da cidade segue sendo moi preocupante”

O BNG urxe medidas de promoción do emprego en Vigo fronte ao “triunfalismo inxustificado” de Caballero

O Bloque Nacionalista Galego urxe medidas de promoción do emprego en Vigo diante da “moi preocupante” situación laboral que continúa na cidade. Así o vén de reclamar este mércores o portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, en resposta ás declaracións realizadas onte polo alcalde, Abel Caballero, a quen acusou de valorar a evolución do emprego cun “triunfalismo inxustificado”.

Igrexas subliñou que no primeiro trimestre do ano destruíronse 1.100 postos de traballos en Vigo, segundo a última Enquisa de Poboación Activa (EPA), mentres os datos do paro rexistrado reflicten no pasado mes de abril unha evolución “moito peor” da cidade en comparación co conxunto da comarca, con apenas 43 novos empregos e 16.712 persoas desempregadas.

Uns datos que, asegurou, agrávanse coa incorporación das persoas sen emprego que están en procesos de formación, aquelas afectadas por ERTE e tamén as traballadoras e traballadores fixos-discontinuos que non están traballando nestes momentos. Aliás, alertou do “brutal” aumento da precariedade laboral, cun cada vez maior peso do sector servizos e de contratos a tempo parcial con infrasalarios “que non permiten vivir”.

“Non sabemos exactamente que celebra o alcalde en relación á evolución do emprego cando a situación laboral da cidade, como demostran os datos oficiais, segue sendo moi preocupante”, censurou o portavoz do BNG, que chamou o rexedor a poñer en marcha os recursos cos que conta a cidade para a promoción do emprego.

Sen convocar os plans de emprego do Concello

Nese sentido, criticou que en pleno mes de maio aínda non se teñan convocado as axudas do Plan Municipal de Emprego que, malia contar cunha partida “raquítica” de 1,2 millóns fronte aos 3 millóns propostos polo BNG nas emendas aos orzamentos municipais, é o “maior instrumento” do Concello para fomentar o emprego.

Igrexas afeou que tampouco se saiba nada dos programas de inserción laboral para a mocidade e para mulleres vítimas de violencia machista, dos que nos últimos cinco exercicios non se executou nin un só euro do previsto. E afeou tamén a falla de información sobre a nova convocatoria do necesario programa Vigo Emprega.

“O BNG temos que demandar ao Goberno municipal de Abel Caballero que poña en marcha medidas para a promoción do emprego na cidade en lugar de discursos triunfalistas, do mesmo xeito que urxirmos un cambio radical nas políticas laborais, produtivas e industriais da Xunta de Galiza, co obxectivo de recuperar actividade e crear emprego digno, estábel e con salarios dignos”, remachou o portavoz nacionalista.  

O BNG urxe medidas de promoción do emprego en Vigo fronte ao “triunfalismo inxustificado” de Caballero