O BNG de Vigo denuncia a “violencia administrativa” do Goberno de Caballero contra o tecido asociativo

Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista traslada as queixas de numerosas entidades e asociacións polas “trabas” que pon o Concello para a realización de eventos, festas e actos públicos

Xabier P. Igrexas: “Sofren inxustificábeis dificultades para facer uso de instalacións municipais e unha demora extrema á hora de conceder permisos e autorizacións”

O BNG de Vigo denuncia a “violencia administrativa” do Goberno de Caballero contra o tecido asociativo

O Bloque Nacionalista Galego denuncia a “violencia administrativa” do Goberno municipal de Abel Caballero contra o tecido asociativo de Vigo á hora de organizar eventos e actos públicos. Así, o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, criticou este xoves as “dificultades” que están a padecer numerosas entidades e asociacións de carácter cultural, veciñal e comunidades de montes por parte do Concello.

“Unha violencia administrativa que se manifesta en dificultades absolutamente inxustificadas para facer uso de instalacións municipais e nunha permanente demora na tramitación de permisos e autorizacións, que son obrigatorias para a realización de moitos dos eventos, festas e actos públicos que se celebran na nosa cidade no verán”, subliñou Igrexas.

Unha situación que, lembrou o voceiro nacionalista, xa quedou en evidencia no pasado mes de xuño durante o San Xoán, onde moitas entidades organizadoras recibiron o permiso para as fogueiras a escasas horas da celebración. Demoras que se están a repetir nas últimas semanas, advertiu Igrexas, mesmo con eventos que teñen máis de 30 edicións.

“A burocracia do Goberno de Abel Caballero está dificultando e mesmo poñendo en risco a realización de eventos por parte de entidades que son, na súa práctica totalidade, asociacións sen ánimo de lucro”, lamentou o portavoz do BNG, que reclamou ao Goberno municipal que “se poña as pilas” e deixe de ser un “atranco” á hora de organizar estes actos e festas que son posíbeis “grazas ao esforzo e traballo voluntario” de moitos colectivos da cidade.

“Entidades que están organizando actividades de carácter cultural, de convivencia e festivas en todos os barrios e parroquias da nosa cidade, que en lugar de recibir o apoio e o alento do Concello teñen que vivir instaladas nunha permanente improvisación pola falla de resposta”, remachou.

O BNG de Vigo denuncia a “violencia administrativa” do Goberno de Caballero contra o tecido asociativo