O BNG de Vigo afea os “disparates” de Caballero contra a Fiscalía polo nadal e esíxelle diálogo coa veciñanza

[Imaxe: @zonavigocentro]
[Imaxe: @zonavigocentro]

A fronte nacionalista acusa o alcalde de “manipular” sobre a sentenza relativa ao nadal do pasado ano, dando a entender que é firme cando está pendente de recurso no TSXG

Xabier P. Igrexas: “O Comité do Nadal será unha bufonada inútil se non conta coa participación da veciñanza e de técnicos das áreas de Mobilidade e Seguridade, como demandamos dende o primeiro momento o BNG”

O BNG de Vigo afea os “disparates” de Caballero contra a Fiscalía polo nadal e esíxelle diálogo coa veciñanza

O Bloque Nacionalista Galego acusa o alcalde de Vigo, Abel Caballero, de manipular sobre a sentenza relativa ao nadal, dando a entender que esta resolución en primeira instancia é firme cando aínda está pendente de recurso no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG). Así o denunciou este xoves o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, após as declaracións do rexedor cuestionando a imparcialidade da Fiscalía do alto tribunal, que vén de ratificar as motivacións dunha das demandas xudiciais polas consecuencias do pasado nadal. 

“É un disparate inaceptábel e un insulto á intelixencia das viguesas e dos vigueses escoitar dun ex ministro do Goberno español que a Fiscalía non é un organismo independente porque lle dá a razón á veciñanza do centro e non ao Goberno municipal”, afeou Igrexas, que reclamou ao alcalde actuar coa “seriedade e responsabilidade” que corresponde o seu cargo. “Caballero coñece sobradamente que, tal e como estabelece o artigo 124 da CE, a Fiscalía ten como función actuar en favor do interese público de acordo á Lei”, engadiu.

O portavoz nacionalista asegurou que o alcalde o que ten que facer é “escoitar e dialogar de verdade” cos axentes sociais afectados, co fin de adoptar as medidas necesarias para evitar que o nadal deste ano “se volva converter nun caos insoportábel e perigoso”. Nese sentido, lamentou que Caballero decidise volver a desprezar a colectivos veciñais, como vén de facer este xoves coa Asociación de Veciños Zona Centro de Vigo.

“O Comité do Nadal será unha bufonada inútil se non se conta coa participación da veciñanza, de comerciantes de toda a cidade e de técnicos das áreas de Mobilidade e Seguridade, como demandamos desde o primeiro momento o BNG”, reiterou Igrexas en relación ao grupo organizador do nadal, formado na actualidade só por membros do Goberno municipal.

Dende a fronte nacionalista insistiron na necesidade de rectificar o deseño “caprichoso” do nadal, diante das numerosas molestias, o caos circulatorio e o risco para a seguridade das persoas que se viviu na última edición. “A posición do BNG é rotunda e clara: Nadal si, por suposto que si, pero non así”, remachou Igrexas.

O BNG de Vigo afea os “disparates” de Caballero contra a Fiscalía polo nadal e esíxelle diálogo coa veciñanza