O BNG de Vigo emenda as “becas Ayuso” de Caballero para libros de texto

Xabier P. Igrexas, Portavoz municipal do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas, Portavoz municipal do BNG de Vigo

A fronte nacionalista rexeita a contía única fixada polo Goberno municipal e demanda que se asignen de maneira progresiva en función dos ingresos para “axudar máis a quen máis o necesite”

Piden que se exclúan os fogares con ingresos por acima dos 3.780 euros mensuais (3 veces o SMI) e que se dediquen só ao alumnado matriculado en centros públicos

Xabier P. Igrexas afea o “populismo demagóxico e oportunista” do alcalde e defende que “calquera axuda social para ser xusta ten que ser progresiva, para atender a realidade socioeconómica das familias”

O BNG de Vigo emenda as “becas Ayuso” de Caballero para libros de texto

O Bloque Nacionalista Galego formalizou esta mañá a súa emenda parcial á proposta de modificación orzamentaria coa que o Goberno municipal de Vigo pretende mobilizar case 6 millóns de euros de remanentes para as axudas extraordinarias para libros de texto. Na mesma rexeitan a  contía única e demandan que as axudas se asignen de maneira progresiva en función dos ingresos, pedindo que se exclúan os fogares con ingresos por acima do triplo SMI e que se dediquen só ao alumnado matriculado en centros educativos públicos. 

Así o anunciou o Portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, que acusou o Goberno de Abel Caballero de seguir instalado no “populismo fiscal”. “Poucos días despois de rexeitaren as 63 emendas do BNG ás ordenanzas fiscais, coas que pretendíamos que a cidade avanzase cara a unha fiscalidade municipal socialmente xusta na que quen menos ten pague menos, agora Caballero insiste en volver importar o ‘cheque Ayuso’ para libros de texto”, explicou.

Igrexas defendeu que “calquera axuda social para ser xusta ten que ser progresiva, para atender a realidade socioeconómica das familias”. É por iso que na emenda nacionalista demandan que as bases exclúan os fogares de máis recursos, fixando o limiar máximo en ingresos por acima do triplo do Salario Mínimo Interprofesional (3.780 euros brutos mensuais). Por contra,  propoñen que a distribución das axudas non sexa “lineal e cunha única contía para todas e todos [205 euros o ano pasado]” senón que se faga a través de baremos de carácter progresivo que atendendo os ingresos das familias “aumente os importes para aquelas que o necesitan máis”.

Populismo, demagoxia e oportunismo

“Con esta emenda o BNG o que queremos é corrixir esa perspectiva populista, demagóxica e claramente oportunista, co que Caballero se saca da manga este cheque de café para todos mentes continúa sen resolver as axudas municipais para comedor escolar, libros e material escolar”, remachou o portavoz municipal nacionalista.

A proposta do Goberno e a emenda das nacionalistas terán de ser ditaminadas nos vindeiros días na Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda antes do seu debate e votación nun Pleno extraordinario.

O BNG de Vigo emenda as “becas Ayuso” de Caballero para libros de texto