O BNG de Vigo propón unha nova ordenanza para poñer freo ao “arboricidio permanente” de Abel Caballero

Árbore tallada recentemente na Gran Vía
Árbore tallada recentemente na Gran Vía

A fronte nacionalista pedirá na vindeira Comisión de Medio Ambiente actualizar a normativa en vigor, que data de 1994, co obxectivo de protexer o arboredo urbano das continuas tallas.

Xabier P. Igrexas: “As obras de humanización son utilizadas como coartada para retirar sen xustificación as árbores da nosa cidade, unha política suicida en termos ambientais”.

O BNG de Vigo propón unha nova ordenanza para poñer freo ao “arboricidio permanente” de Abel Caballero

O Bloque Nacionalista Galego de Vigo propón unha nova ordenanza municipal que poña freo ao “arboricidio permanente” que practica o goberno de Abel Caballero. A fronte nacionalista trasladará esta medida na vindeira Comisión de Ambiente, prevista para a próxima semana, co obxectivo de protexer o arboredo urbano das continuas tallas inxustificadas por parte do Concello.

“A recente talla de árbores na Gran Vía, coa escusa da segunda fase das ramplas, é apenas un episodio máis no arboricidio permanente que o Goberno municipal leva perpetrando na cidade desde hai demasiado tempo”, valorou o concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, que lembrou como nos últimos meses producíronse tallas de árbores no monte do Castro, nas rúas Vía Norte, Aragón, Gregorio Espino e no Paseo de Bouzas, entre outros puntos.

“As obras de humanización son simplemente utilizadas como coartada para retirar sen xustificación o arboredo da nosa cidade”, salientou Igrexas, que cualificou estas prácticas do Goberno local de “política suicida” en termos ambientais. “As árbores non son cousas nin elementos ornamentais, son unha peza esencial no ecosistema urbano”, engadiu.

Nese sentido, o BNG busca con esta medida actualizar a vixente ordenanza de Medio Ambiente, que data do ano 1994, e que o Goberno municipal incumpre de forma reiterada. “É momento de reforzar a aposta e poñer máis medidas en favor da protección do arboredo para ver se, dunha vez por todas, Abel Caballero entende que o futuro de Vigo será verde ou non será”,  remachou o edil nacionalista.

O BNG de Vigo propón unha nova ordenanza para poñer freo ao “arboricidio permanente” de Abel Caballero