O BNG de Vigo pide coñecer cantos bombeiros estiveron en activo cada xornada desde o 1 de xaneiro

Xabier P. Igrexas, concelleiro e candidato do BNG de Vigo
Xabier P. Igrexas en rolda de prensa

A fronte nacionalista reitera que en todo o verán, desde xuño, non houbo unha só día no que a cidade dispuxese do mínimo de 20 bombeiros.

Xabier P. Igrexas:«Abel Caballero ten que dar a cara e dicirlle á cidadanía cantos días estiveron en perigo, nunha situación de indefensión absoluta, por causa da súa neglixencia e nefasta xestión do servizo de bombeiros»

O BNG de Vigo pide coñecer cantos bombeiros estiveron en activo cada xornada desde o 1 de xaneiro

O Bloque Nacionalista Galego anunciou esta mañá que vai solicitar ao Goberno municipal de Vigo que lle facilite os datos detallados de cantos efectivos do corpo de bombeiros da cidade estiveron activos en cada xornada desde o 1 de xaneiro deste ano.

Esta petición chega despois de que onte trascendese publicamente que o goberno de Abel Caballero, a través do concelleiro Carlos López Font, tentou xustificar en sede xudicial o chamado «decreto de permanencia» aducindo que o feito de que haxa menos dun mínimo de 20 bombeiros dispoñíbeis por xornada colocaría as viguesas e viguses nunha situación de «indefensión absoluta». O decreto, ditado en 2019, foi anulado xudicialmente por sentenza firme por vulnerar gravemente os dereitos laborais dos bombeiros.

«Abel Caballero ten que dar a cara e dicirlle á cidadanía cantos días estiveron en perigo, nunha situación de indefensión absoluta, por causa da súa neglixencia e nefasta xestión do servizo de bombeiros», esixiou o concelleiro do BNG de Vigo, Xabier p. Igrexas.

Igrexas lembrou que a fronte nacionalista xa denunciou dias atrás que desde o pasado mes de xuño «non houbo un só día no que a cidade contase co mínimo de 20 bombeiros», o que supuña un risco agravado polo actual contexto de seca e a proliferiación de incendios forestais. Neste sentido, subliñan a gravidade de que houbese xornadas nas que a cidade só dispuxo de 12 ou 13 efectivos.

O portavoz municipal nacionalista reclamou ao alcalde que reaccione e «adopte medidas dunha vez para dotar a maior cidade de Galiza dun servizo de bombeiros que poida atender unha urbe de 300 mil habitantes», tal e como esixe o propio persoal desde hai varios anos.

«Cando vai deixar de xogar de maneira tan irresponsábel Abel Caballero coa seguridade das persoas e dos propios bombeiros e de comprometer a capacidade de resposta na atención de situación de emerxencia?», interpelou Igrexas.

O BNG de Vigo pide coñecer cantos bombeiros estiveron en activo cada xornada desde o 1 de xaneiro