O BNG de Vigo reivindica o MARCO no seu vinte aniversario fronte a desertización cultural da última década

LEIRO 9
Xabier P. Igrexas xunto ao escultor Francisco Leiro

A fronte nacionalista demanda máis recursos para o MARCO e unha rectificación das políticas culturais que aposte en revitalizar a Rede Museística que perdeu case a metade de visitantes desde 2011.

Xabier P. Igrexas: “É triste que en lugar de reivindicar como merecen pezas como O Sereo, que é a verdadeira icona de Vigo, haxa quen coa súa frivolidade caprichosa teña apostado na caricatura dos dinosetos e peixesetos”.

O concelleiro e candidato á alcaldía do BNG visitou a exposición “O Antropomórfico” da man do escultor Francisco Leiro, que cualificou de “magnífica” e á que animou a visitar a toda a veciñanza.

O BNG de Vigo reivindica o MARCO no seu vinte aniversario fronte a desertización cultural da última década

O Bloque Nacionalista Galego reivindicou hoxe o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, MARCO, coincidindo co seu vinte aniversario fronte a política de desertización cultural da última década na cidade. 

O concelleiro e candidato á alcaldía do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, acompañado por integrantes da Comisión de Cultura da fronte nacionalista, realizou esta mañá unha visita á exposición “O antropomórfico” do escultor Francisco Leiro, autor de pezas emblemáticas na cidade como “O Sereo” ou os “Bañistas do Areal”. 

Igrexas puxo en valor os vinte anos de andaina do MARCO que, lembrou, abriu as súas portas baixo unha alcaldía do BNG no 2002, e contrapuxo a aposta cultural que o fixo nacer co “continuado desmantelamento e devalar” que definen, segundo o edil, as políticas municipais na última década. 

Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista afirmou que “exposicións magníficas como a de Francisco Leiro, á que animo a toda a cidadanía a visitar, son o camiño para reverter a xestión desastrosa do Goberno municipal de Abel Caballero, que mesmo tencionou enterrar o proxecto museístico do MARCO, e que provocou que desde 2011 o MARCO reducise en máis dun 70% o número de visitantes”.

Desde o BNG defenden o carácter “estratéxico” da política cultural para “humanizar de verdade a cidade”, e reiteran a necesidade dunha viraxe das políticas municipais para revitalizar e impulsar a Rede Museística de Vigo co MARCO como o seu “buque insignia”.

"É triste que en lugar de reivindicar como merecen pezas como O Sereo, que é a verdadeira icona de Vigo, haxa quen coa súa frivolidade caprichosa teña apostado na caricatura dos dinosetos e peixesetos"

O Sereo icona da cidade

Igrexas  agredeceulle ao escultor Francisco Leiro, do que se confesou admirador, a súa amabilidade e xenerosidade pola realización da visita guiada e puxo en valor ao artista como “verdadeiro emblema da vangarda cultural de Galiza que é, ademais, un referente internacional do máximo nivel”. 

A este respeito, lamentou a visión “empequenecedora e algo friki” que se ten imposto na cidade nos últimos anos, afirmando que “é triste que en lugar de reivindicar como merecen pezas como O Sereo, que é a verdadeira icona de Vigo, haxa quen coa súa frivolidade caprichosa teña apostado na caricatura dos dinosetos e peixesetos”. “Máis arte, máis cultura, e menos memes”, reivindicou. 

Máis recursos para o MARCO

A fronte nacionalista chamou a relanzar o MARCO dotándoo de máis recursos, para o que reclaman tamén unha maior implicación tanto da Xunta de Galiza como do Goberno español, de quen demandan que contribúan a alargar o financiamento do MARCO co obxectivo de o converter no “grande espazo da arte contemporánea en Galiza e no noroeste peninsular”. Con esa finalidade, o BNG xa rexistrou nos últimos anos emendas aos orzamentos estatais e autonómicos que toparon coa negativa dos respectivos gobernos. 

O BNG de Vigo reivindica o MARCO no seu vinte aniversario fronte a desertización cultural da última década