O Pleno, impulsado polo BNG, polo “escándalo” do concerto de Guns N’ Roses celebrarase o 25 de setembro

Concerto de Guns N' Roses celebrado o 12 de xuño en Balaídos [Foto: Metropolitano.gal]
Concerto de Guns N' Roses celebrado o 12 de xuño en Balaídos [Foto: Metropolitano.gal]

O alcalde, Abel Caballero, decretou unilateralmente e sen contactar cos grupos da oposición que a sesión extraordinaria se celebre a continuación do Pleno ordinario de setembro

As propostas a debate do Pleno inclúen a reprobación do alcalde pola “falla de transparencia e reiteradas falsidades”, crear unha Comisión Especial de Investigación e a comparecencia da concelleira de Contratación e Festas

Xabier P. Igrexas: “Abel Caballero segue tentando fuxir do escándalo que envolve o intento do seu Goberno de entregar, irregularmente, case 2 millóns de euros á promotora do concerto de Guns N’ Roses”

O Pleno, impulsado polo BNG, polo “escándalo” do concerto de Guns N’ Roses celebrarase o 25 de setembro
O Alcalde de Vigo vén de notificar a convocatoria do Pleno extraordinario, impulsado polo BNG, para aclarar o “escándalo” do frustrado patrocinio do concerto de Guns N’ Roses. Abel Caballero asinou ás 9:57h de hoxe, último día do prazo regulamentario para facelo, o decreto para realización desa sesión plenaria o vindeiro 25 de setembro, a continuación do Pleno ordinario correspondente ao mes de setembro. No decreto, o rexedor decidiu alterar o enunciado do asunto da orde do día polo xenérico “Actuacións do Goberno municipal en relación ao concerto de Guns N’ Roses celebrado na cidade de Vigo”.

O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, criticou a decisión unilateral do rexedor de facer coincidir ambos os dous plenos. “Abel Caballero segue tentando fuxir do escándalo que envolve o intento do seu Goberno de entregar, irregularmente, case 2 millóns de euros á promotora do concerto de Guns N’ Roses”, valorou.

Igrexas, que denunciou que desde o alcaldía non se puxeron en contacto cos grupos municipais da oposición para definir a data de realización, apunta que “o alcalde máis que uso das súas competencias fai abuso das mesmas co obxectivo de tentar diluír o Pleno que impulsamos para que dea a cara”.

No entanto a fronte nacionalista advírtelle ao rexedor que non vai poder evitar ter que dar explicacións perante “evidentes sospeitas e indicios de graves irregularidades” que envolven a actuación do pasado 12 de xuño e o frustrado patrocinio publicitario por parte do Goberno municipal, e que mesmo poderían incorrer en ilícitos penais.

Sobre a posibilidade de que Caballero se ausente da sesión extraordinaria, como adoita facer nos plenos, Igrexas afirmou que “a súa ausencia ademais dun desprezo intolerábel para o máximo organismo de representación democrática da cidade suporía confirmar a súa responsabilidade directa neste escándalo”.

Tres propostas de acordo

O Pleno terá que ditaminar tres propostas concretas de acordo, elaboradas polo BNG e ás que se sumou o Grupo Municipal do PP por esixencia do Regulamento Orgánico do Pleno. A primeira será a reprobación do alcalde pola “falla de transparencia e reiteradas falsidades”. A segunda proposta é crear unha Comisión Especial de Investigación para aclarar o sucedido e depurar as responsabilidades políticas. E, por último, abordarase a comparecencia perante o Pleno da concelleira de Contratación e Festas, Patricia Rodríguez Calviño, sobre as xestións realizadas polo Goberno local, en particular, para a licitación do frustrado patrocinio publicitario.
 

O Pleno, impulsado polo BNG, polo “escándalo” do concerto de Guns N’ Roses celebrarase o 25 de setembro