O BNG critica a “complicidade” de Caballero coa dirección de Vitrasa diante dos incumprimentos no servizo de bus

Xabier P Igrexas e Filipe Abalde no Pleno municipal
Xabier P Igrexas e Filipe Abalde no Pleno municipal

A fronte nacionalista afea o voto negativo do PSOE no Pleno municipal ás súas propostas para sancionar á concesionaria e para esixir a intervención do Concello no conflito laboral

Reitera o apoio ás traballadoras e traballadores, presentes na sesión plenaria, ante os “graves incumprimentos” laborais e do bloqueo patronal da negociación do convenio

Xabier P. Igrexas: “A causa debe ser que o alcalde colle máis avións para ir ao estudio de El Hormiguero ou agora como tertuliano de Jaime Cantizano que buses urbanos”

_Sobre a ampliación de prazos do PXOM, chama a estudar en detalle os seu efectos urbanísticos, tendo en conta as graves advertencias do propio Secretario Xeral

O BNG critica a “complicidade” de Caballero coa dirección de Vitrasa diante dos incumprimentos no servizo de bus

O Bloque Nacionalista Galego critica a “complicidade” do Goberno de Abel Caballero coa dirección de Vitrasa diante dos “graves e reiterados incumprimentos” no bus urbano en Vigo. Así o reprochou o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, durante a sesión do Pleno celebrada este martes na que a fronte nacionalista trasladou unha moción con cinco propostas para poñer fin á situación “insostíbel” que padece este servizo esencial.

“Son vostedes quen están boicoteando a solución a este conflito cando insisten en aliñarse cos intereses da empresa concesionaria”, denunciou Igrexas, en relación ás acusacións do grupo socialista contra o persoal do bus urbano polas convocatorias de folga e paros parciais. “Exercer este dereito fundamental non é boicotear a prestación dun servizo que, cómpre lembrar, é de titularidade municipal”, cuestionou o voceiro nacionalista, que reiterou o apoio ás traballadoras e traballadores, presentes na sesión plenaria, ante os “graves incumprimentos” laborais e do bloqueo patronal do convenio, caducado dende 2020.

O portavoz municipal do BNG afeou que o Goberno municipal “negue con tanto descaro” o empeoramento do servizo, após o recorte de 72 frecuencias desde a pandemia, a desaparición completa de liñas e a imposición de horarios flexíbeis por parte da empresa. Nese sentido, lamentou o voto negativo do PSOE no Pleno municipal ás súas propostas, entre elas, sancionar á concesionaria polos incumprimentos do prego concesional e para esixir a intervención do Concello no conflito laboral.

Persoal de Vitrasa no Pleno municipal

“A causa debe ser que o alcalde colle máis avións para ir ao estudio de El Hormiguero ou agora como tertuliano de Jaime Cantizano que buses urbanos”, criticou Igrexas, que subliñou que “o Goberno de Caballero volve deixar claro con esta decisión que está do lado dos intereses da dirección de Vitrasa, e non do seu persoal e da veciñanza”.

Cuestionou os pretextos utilizados polo Goberno local para desentenderse da situación, cando asegura que se trata dun conflito no marco dunha empresa privada. O voceiro do Bloque lembrou que cada ano o Concello paga arredor de 13 millóns de euros en concepto de subvención á concesionaria, ademais de 21 millóns aboados como indemnización polas restricións derivadas da pandemia.

Igrexas defendeu así a necesidade de estudar a remunicipalización do servizo a través dunha Empresa Pública de Transportes “como teñen moitas outras cidades do Estado”, aproveitando a próxima finalización do contrato, prorrogado de forma “inxustificada” polo Goberno municipal até 2025. Demandou tamén a participación veciñal para redeseñar o servizo, reactivando o Consello Sectorial de Transportes, ante as negativas do Goberno municipal a atender as numerosas demandas do tecido asociativo.

Ampliación prazos PXOM

No Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo celebrado este martes, antes do inicio do Pleno, o Goberno municipal someteu a ditame a proposta de ampliación de prazos para acordar a aprobación provisional do novo PXOM.

Na xuntanza o portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, solicitou formalmente que se retirase o asunto na orde do día. Xustificou esta petición alegando que inda non se celebrou a xuntanza extraordinaria e monográfica, prevista para o vindeiro xoves, na que vai comparecer a Equipa Redactora e na que se terá que explicar en detalle o estado de tramitación do novo Plan Xeral. Ademais, puxo en cuestión que na proposta de ampliación de prazos o Goberno de Abel Caballero non ten detallado a insuficiencia de medios que a motiva.

Igrexas explicou ademais que é necesario “estudar en detalle o alcance e os efectos urbanísticos que a ampliación proposta vai ter, tendo en conta as graves advertencias que formulou o propio Secretario Xeral do Pleno no seu informe, sobre as consecuencias que terá poder outorgar licenzas nas vindeiras semanas en base a un Instrumento de Ordenación Provisional que discorda do novo PXOM”.

Por parte do grupo de Goberno negáronse a atender a solicitude de retirada do asunto polo que o BNG votou en contra do seu ditame, que será agora trasladado a Pleno.

O BNG critica a “complicidade” de Caballero coa dirección de Vitrasa diante dos incumprimentos no servizo de bus