Aymerich: O BNG fai campaña a pé de rúa, fomentando a participación da cidadanía"
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Carlos Aymerich, destacou este sábado que o Bloque fai campaña a pé de rúa, fomentando a participación cidadá na vida política. Nun acto público celebrado no barrio do Calvario, no que participaron tamén Carme Adán e Santi Domínguez, o nacionalista defendeu que o BNG si pode cambiar a situación de Galiza, como única alternativa nacionalista e de esquerdas que pode frear a política de recortes do PP.
Carlos Aymerich fixo referencia ás persoas que se sinten desencantadas da política e dos políticos e asegurou entendelas porque son xente que se sinte enganada polo PP e polo PSOE, porque pensaron que uns e outros podían cambiar as cousas, indicou. Esa xente sinte que o contrato e a seguridade que tiña na súa vida desapareceu. Contábannos que se a xente se esforzaba e aforraba tería unha vellez tranquila, pero agora ven como os seus aforros están estafados nas preferentes e os aforros, coa subida do IVE e o IBI, non chegarán a nada, explicou.
Precisamente o nacionalista alertou do risco que corren as pensións e os servizo públicos a partir do 21 de outubro se continúa gobernando o PP, así como do risco de que aumente a emigración da xente moza por falta de traballo. Neste sentido, Aymerich apuntou que non se pode agardar sentando na casa a que ningúen nos regale as cousas e defendeu que as pensións, a sanidade e o ensino público, así como os servizos sociais non foron regalos de ninguén, senón o resultado de décadas de loita e reivindicacións.
O candidato asegurou que eses dereitos sociais non pasan dunha xeración a outra, senón que cómpre que cada xeración e cada pobo ten que loitar por manter e mellorar eses dereitos. Como forza política que sempre se mantivo a vangarda na defensa dos dereitos sociais e laborais, Carlos Aymerich defendeu que efectivamente o voto pode cambiar as cousas, especialmente se se concentra no BNG como única foza nacionalista e de esquerdas que pode facerlle frente ás políticas de recortes do PP.
Carme Adán
A número 2 do BNG pola provincia de Pontevedra salientou que non todos os políticos e políticas son iguais e recordou que no mesmo espazo de hoxe, no Calvario, os nacionalistas explicaron por que se opuxeron á reforma laboral, así como en contra do expolio da banca e na defensa da banca pública. Non todos somos iguais e nós estamos aquí todos os días para defender os intereses dos galegos e galegas todos os días, destacou.
Defendemos a rúa e na rúa falamos, dixo Carme Adán, quen salientou que o BNG sae á praza pública para explicar as súas propostas, fomentando a participación cidadá na política fronte a outros que van a sitios pechados, manifestou.
Asegurou que o goberno de Feijóo foi unha decepción para Vigo, en tanto que é a cidade na que máis medra o paro, na que máis comercios se pecharon e na que Feijóo quere aplicar a privatización da sanidade e dos servizos públicos. Non queremos que o novo hospital de Vigo sexa privado, e o compromiso do Bloque Nacionalista Galego queda claro se chegamos ao goberno: será rescatado e será un hospital público, subliñou.
Nós o que non faremos será aforrar uns poucos euros quitándollos aos comedores escolares, dixo en referencia ao recorte da Xunta na achega a Foanpas. Por iso defendeu que Galiza ten un goberno absolutamente insensible, porque lle quita máis a quen menos ten. Destacou que o BNG quere facerlle frente ao PP e ás súas políticas que só traen desemprego e pobreza e porque cremos neste país. Nesta liña asegurou que o compromiso do Bloque é sempre compromiso coa xente e con Galiza, para poder gobernar a propia terra e que os nenos e nenas poidan vivir nela dignamente.
Santi Domínguez
Hoxe puidéxedes ver unha ministra do goberno central e eu vos reto a que dentro de 4 anos me digades cantas veces veñen a pasear nesta zona, sinalou o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, en referencia á visita da ministra Ana Pastor, ao tempo que indicou que hai quen vén unicamente durante periodos electorais a pedir o voto mentres durante o resto do tempo esquécense dos problemas da cidadanía.
O nacionalista asegurou que o 21 de outubro non pode haber nin un só voto para Feijoo e para o Partido Popular porque nos enganou unha e outra vez. Lembrou que Feijóo dixo que en 45 días dixo que acabaría co problema do paro no país, mentres que na actualidade hai 113.000 desempregados e desempregadas máis. Recordou asemade que por culpa de Feijóo os maiores teñen que pagar os medicamentos, mentres que os pais e nais teñen que pagar os libros de textos dos seus fillos e fillas.
Os galegos e galegas merecémonos algo mellor, e podemos cambiar as cousas, podemos soñar e ter confianza, ao igual que hai dez anos soñaron os veciños e veciñas desta zona, cun Calvario para a cidadanía, paseando pola súa rúa, e o BNG fixo realidade ese sono, rematou Domínguez.