Cando os do PP falan de sanidade e vivenda fanlle os ollos chiribitas: ven negocio, nunca dereitos
Carlos Aymerich, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, criticou este domingo a política privatizadora do Partido Popular e a súa falta de medidas para afrontar a crise, deixando de lado ás persoas menos favorecidas. Cando falan de sanidadae e vivenda fanlle os ollos chiribitas, como ao tío Gilito: só ven negocio, nunca dereitos, destacou nun mitin celebrado no Porriño, no que tamén participou o número 7 da candidatura, Pedro Pereira.
O do banco malo clama ao ceo, dixo Aymerich en referencia a decisión de que as vivendas baleiras dos bancos integren un banco malo. Podiamos pensar que eran alixos de drogas, ou similares, pero non, refírense a vivendas baleiras cando xa 5.000 familias foron expulsadas da súa vivenda en Galiza no que vai de ano, explicou.
Pola contra, o candidato nacionalista subliñou que a solución radica en que nós gobernemos a nosa terra, e que Galiza teña a posibilidade de que esas vivendas deshabitadas constitúan un patrimonio de vivenda público e que as familias desafiuzadas poidan facer efectivo o dereito a unha vivenda digna.
O BNG como voto útil
Carlos Aymerich fixo un chamamento a concentrar o voto Bloque Nacionalista Galego, xa que ao seu xuízo esta é a única posibilidade de frear as políticas de recortes do PP e de Feijóo. Destacou que votar BNG é o voto útil na Galiza e tamén no Porriño e asegurou que o PP sábeo ben, porque precisamente a quen atacan todos os días é ao Bloque.
Para o nacionalista a dereita non ten escrúpulos para manterse no poder, e iso sabédelo ben no Porriño, por iso non queren falar da memoria histórica, salientou ao tempo que acusou a Feijóo de mentirán. Neste sentido lembrou que en Melón prometeu que se instalaría unha fábrica de coches eléctricos e na Plisan a fábrica de baterías de Mitsubishi e o dos barcos creerémolo candos os vexamos, comentou en relación ao contrato con Pemex.
Porén, sinalou que Feijóo si dixo dúas verdades, non deixarei facturas no caixón. E é certo, porque non será presidente e as súas facturas non caberán nun só caixón, comentou. Tamén criticou ao candidato popular por non falar do que quere facer. Nesta liña indicou que só hai que ir a Portugal, aquí preto, e veredes cal é a segunda fase, porque aquí xa pagamos polos medicamentos e alí xa pagan por ir a urxencias. Non esquezades que o seguinte capítulo é o das pensións, alertou.
Gobernemos nós a nosa terra, para que as nosas empresas teñan financiamento e para que marquemos nós a nosa tarifa eléctrica, rematou.