Aymerich: Cómpre que o voto sexa pensado en función de quen mellor defende os intereses de Galiza
Carlos Aymerich, cabeza de lista do BNG por Pontevedra, fixo un chamamento a que o voto do vindeiro 21 de outubro sexa pensado en función da forza política que mellor defende os intereses de Galiza e dos galegos e galegas, que é o BNG. Pola contra, destacou que non ningún colectivo ten ningún motivo para votar ao Partido Popular despois dos recortes que acometeron nestes tres anos e medio. Ademais salientou que o BNG pechará a campaña en Vigo en recoñecemento a importancia que ten esta cidade e en recoñecemento a importancia que ten a esquerda e o nacionalismo.
Se os pensionistas pensan o seu voto non poden votar polo Partido Popular, porque lles recortou as pensións; se o pensan os traballadores e traballadoras tampouco poden votar ao PP, despois de abaratar o despedimento e precarizar as condicións de traballo, pero se pensan seu voto, as mulleres tampouco poden votar ao PP, que di que elas igual que as leis están aí para violalas e lles negan o dereito a poder decidir, explicou Aymerich tras participar un reparto informativo nas Travesas.
Engadiu que se as familias pensan o seu voto tampouco teñen ningún motivo para votar ao Partido Popular, que fai que teñan que pagar por libros de texto que antes eran gratuitos, e que promete un futuro que só pode ser regreso ao pasado, no que só podían estudar os fillos dos ricos e que nas casas había que aforrar por se chegaba a enfermidade.
O candidato nacionalista subliñou que fronte a este modelo o BNG ten unha proposta ben clara, que se pode resumir en gobernemos nós a nosa terra, gobernemos nós o noso aforro e gobernemos nós a nosa enerxía, os nosos recursos para que a xente nova non teña que emigrar e para que podamos vivir dignamente do noso país.
En resposta ás preguntas dos medios, Aymerich considerou que o inimigo real do Partido Popular é o Bloque Nacionalista Galego. Asegurou neste sentido que votar BNG é o que realmente lle doe e lle fai dano ao PP. Alertou por outro lado de que hai quen prefire apostar por un gran pacto PP e PSOE, respecto ao cal lembrou que é o que nos fixo meter máis de 200.000 millóns de euros para salvar a banca privada.
Sinalou ademais que ese pacto foi o causante dun sistema de relacións laborais que deixa aos traballadores e traballadoras realmente indefensos diante das empresas, así como o que levou a unha reforma da Constitución que antepón o pagamento dos xuros da débeda ante a sanidade, a educación e as pensións. Espero que no Partido Socialista haxa tamén algo de reflexión e rectifiquen, indicou ao respecto.
Carlos Aymerich asegurou que o BNG no goberno galego non fará as mesmas políticas que fixo o PSOE desde o ano 2010. Non imos recortar as pensións, non imos reformar a lexislación laborar en detrimento dos traballadores e non imos privatizar os servizos básicos. Iso fixérono eles e espero que rectifiquen, asegurou.
Carme Adán
Carme Adán fixo un chamamento aos vigueses e viguesas a pensar moito o voto do 21 de outubro porque nos xogamos moito. Ao seu xuízo a cidadanía de Vigo xógase ter un hospital público ou seguir coa privatización que propón Feijóo, seguir cos recortes de Rajoy e Feijóo ou ser insubmisos como propón o Bloque Nacionalista Galego, así como o ensino público.
Dende o BNG facemos un chamamento para que os vigueses e viguesas aposten pola forza da casa, para que aposten pola forza nacionalista e de esquerdas que é o Bloque, sinalou a candidata nacionalista, quen aproveitou para convidar a participar no mitin de peche para escoitar as propostas do BNG que esta noite terá lugar no pavillón de Navia a partir das 20.15 horas.