Jorquera: "Se concentrades o voto nacionalista e de esquerdas no Bloque, o PP perderá as eleccións"
Pechar en Vigo significa marcar o comezo, o inicio da Reconquista que se poñerá en marcha o próximo Domingo en Galiza se todos os galegos e galegas bos e xenerosos concentran o seu voto no BNG.
A chamada á participación foi o leit motiv dun mitin no que o candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, rememorou a súa vinculación persoal da infancia coa cidade e o seu recoñecemento por ser o lugar onde naceu o movimento obreiro máis importante do País.
Dende Santi Domínguez a Marta Dacosta, dende Carlos Aymerich a Carme Adán, dende Guillerme Vázquez e Jorquera todos garantiron que o PP ten as eleccións perdidas se lles damos onde máis lles doe, nas urnas cun voto reforzado do BNG.
O candidato do BNG á presidencia da Xunta aproveitou o peche de campaña para animar á xente a facer un último esforzo e concentrar os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG, porque tede a seguridade que se o facedes o PP perderá as eleccións.
Jorquera reiterou que as eleccións están totalmente abertas, vanse xogar por un puñado de votos por iso fixo un chamamento á participación e a deixar constancia nas urnas do descontento maioritario que hai na sociedade co que foi o peor goberno da historia de Galiza.
O candidato nacionalista asegurou que hai desexo de cambio entre os galegos e galegas e o PP é o primeiro en sabelo, por iso teima en desmobilizar e tamén dividir, porque sabe que se quedamos na casa ou se divide o voto poden reter a maioría que xa non teñen na sociedade.
Jorquera lembrou que nesta campaña non só está en xogo garantir o cambio que precisa Galiza senón tamen dicirlle non a Rajoy e ás súas políticas de brutais recortes e neste sentido advertiu ao presidente do Goberno do Estado que non hai que solicitar rescate algún senón renegociar a débeda.
Ese rescate -criticou- é para rescatar á banca a costa da xente cando o camiño debe ser outro, debe ser renegociar a débeda en Bruxelas e se non queren pois non pagala.
Para o candidato do BNG, hai débeda que é ilexítima por iso é necesario mudar os prazos e as condicións de financiamento así como o seu monto total porque o que non pode ser é que a sociedade teña que pagar a débeda que provocaron os bancos.
O cabeza de lista por Pontevedra, Carlos Aymerich, asegurou que a dereita minte e divide, na súa forma de gobernar, tentando enfrentar a mozos e pensionistas, funcionarios e traballadores da privada, parados con xente con emprego, por isto é fundamental concentrar toda a forza no BNG, porque tamén tenta dividir o voto como única garantía para manter a súa maioría.
Temos un proxecto para este país, temos ideas, temos propostas, temos a forza e a mellor equipa, co noso candidato que a partir do domingo será presidente, Francisco Jorquera, concluiu.
Carme Adán
A forza do BNG é a a forza da súa xente, vós sodes o mellor exemplo, coa vosa insubmisión, coa vosa rebeldía e coa vosa capacidade para cambiar as cousas; entre a rocha e a auga sempre gaña a auga, porque resiste, como o BNG, concluiu Carme Adán, candidata número dous.
Guillerme Vázquez
Pola súa parte, o portavoz nacional, Guillerme Vázquez, asegurou que frente ao desastre Feijóo cómpre loita, cambio de rumbo e esperanza, é dicir, voto ao Bloque Nacionalista Galego.
Hai esperanza, asegurou e proclamou que o futuro é de quen se atreve a conquistalo, por iso fixo un chamamento á mobilización para que o próximo Domingo non quede ningún voto na casa, voto polo BNG, voto caseiro, cen por cen galego.